O Concello solicitou á Deputación o arranxo inmediato do muro do campo municipal do Areas

sdr

A 1º Tenente de Alcalde e concelleira de Vías e Obras, Chus Garrote, e o concelleiro de Deportes, Benito Márquez, reuníronse esta semana con membros da Directiva do Cultural Areas e cos técnicos da Deputación de Pontevedra para comezar de xeito urxente o arranxo do muro do campo municipal de fútbol de Areas. 
O temporal da fin de semana pasada e diversas filtracións de agua que sufría o terreo no que estaba instalado o campo de fútbol levaron ao derrubamento duns quince metros do muro do mesmo. 
“Co temporal da pasada fin de semana caíu unha parte do muro situado nunha das zonas de saque de esquina. En canto tivemos coñecemento, os operarios de Vías e Obras desprazáronse ata o campo para avaliar os danos, retirar cun pala os escombros e a continuación comunicámoslle á Deputación de Pontevedra que de forma urxente debían proceder á reparación ao ser unha obra executada por eles que aínda está en garantía”, explica Benito Márquez. 
 
Ante a insistencia do Concello, técnicos da Deputación achegáronse a ver os desperfectos in situ, comprometéndose a comezar as obras este mesmo luns, para garantir que o problema non vaia a máis e que os partidos e adestramentos poidan seguir desenvolvéndose con normalidade. 
A Deputación de Pontevedra tapará as fugas de auga para evitar as filtracións, procederá ao recheo de terra e á colocación de perpiaño para que a estrutura sexa máis sólida que o anterior muro de bloques. 
Do mesmo xeito, tanto Chus Garrote como Benito Márquez solicitaron á Deputación que ao mesmo tempo procedan a análise e revisión dos sumidoiros e tubaxes de todo o campo de fútbol para comprobar se existen outras filtracións noutras partes do mesmo, e evitar males maiores. 
O campo municipal de Areas é un dos que máis actividade ten, onde adestran e xogan as categorías inferiores do Cultural Areas.