O Concello solicita á Xunta dous novos vehículos para os servizos de Emerxencias e Protección Civil

 

O Concello faise cargo deste servizo supramunicipal que atende a toda a comarca a pesar de non ser equiparado a nivel económico pola Xunta como GES

 

Ponteareas quere dotar aos servizos de Emerxencias e Protección Civil da comarca do parque móbil necesario para poder atender as incidencias que se producen ao longo do ano. Por este motivo, o Concello solicita á Xunta dous novos vehículos que permitan ampliar e renovar a flota actual e “que dous servizos básicos para a veciñanza da nosa vila e da comarca poidan operar coa maior eficacia”, explica a alcaldesa, Cristina Fernández Davila. “O Concello faise cargo con fondos propios deste servizo supramunicipal, xa que a pesar de atender a toda a comarca a Xunta non nos equipara como GES, o que supón un importante prexuízo económico para Ponteareas. Por iso reclamamos á administración autonómica que asuma a incorporación destes dous novos vehículos tan necesarios e inabarcables para as arcas municipais”, destaca a rexedora.

 

Con máis de 1.100 intervencións en 2019 e 1.500 en 2020, a agrupación de Protección Civil está a medrar en número de voluntarios e tamén de servizos, atendendo en moitas ocasións saídas cruzadas en diferentes municipios da comarca. Un crecemento constante na demanda que os e as voluntarias están afrontando cun único vehículo. “É moi complicado poder mobilizar ao persoal voluntario cando teñen que acudir a diferentes parroquias ponteareás ou a diferentes concellos”, lembra Fernández Davila. Por este motivo, o Concello reclama para este servizo un vehículo con todo o necesario para dar apoio simultáneo a diferentes intervencións.

 

Pola súa banda, o Grupo de Emerxencias Municipal traballa con dous vehículos cisterna con moitas horas de servizo “que precisan constantes reparacións de xeito constante, o que supón para o Concello un importante custo nun servizo que xa é de por si deficitario”.