O Concello retrasa a obra do CEIP Fermín Bouza Brey para evitar os graves riscos que implicaría o seu desenvolvemento durante o curso escolar

A Concellería de Vías e Obras forzou un acordo de renuncia da empresa adxudicataria da construción da cuberta na pista neste centro educativo

A empresa que recibira a adxudicación polo anterior goberno local non comezou a obra nos tempos estipulados no concurso de licitación, alegando problemas técnicos que non estaban contemplados no proxecto

Ante a proposta da propia empresa de realizar unha obra de peor calidade á especificada no proxecto, tanto a concelleira de Urbanismo, Vías e Obras, María Jesús Garrote, como o alcalde ponteareán, Xosé Represas, acordaron unha renuncia pactada

A obra será licitada novamente para que os traballos comecen unha vez remate o actual curso escolar, no verán de 2016

pista-bouza-brey-2A construción da cuberta na pista polideportiva do CEIP Fermín Bouza Brey terá lugar no verán de 2016, unha vez remate o presente curso escolar. Trátase do adiamento dunhas obras que estaban previstas para levarse a cabo durante este verán pero que, ante o incumprimento dos prazos estipulados pola empresa adxudicataria, terán que ser aprazadas até o próximo verán para garantir que non coincidan co desenvolvemento do curso escolar.

A obra inicial fora adxudicada no pasado mes de maio polo anterior goberno municipal e contemplaba un orzamento de 188.277 euros, financiados pola Deputación de Pontevedra a través do Plan Provincial de Obras e Servizos.

Unha vez que a actual concellería de Urbanismo, Vías e Obras tomou conta do estado deste proxecto, un proceso que tivo a dificultade engadida de non ter existido un traspaso formal de poderes, agardou o período estipulado na lexislación para que a empresa, unha vez adxudicada a obra, comezara os traballos. Transcorrido este prazo sen ter iniciado a construción da pista, a concelleira da área, María Jesús Garrote, e o alcalde ponteareán, decidiron convocar á compañía para esixir que cumprira a responsabilidade que adquirira na sinatura do contrato.

A empresa pretendeu reducir a calidade da cuberta alegando problemas técnicos que impedían realizar a obra tal e como se estipulara no proxecto da mesma. Segundo a propia compañía, tendo en conta estas dificultades e o orzamento previsto para levar a cabo estes traballos, a obra debía ser modificada, soamente sendo posible levar a cabo a construción dunha cuberta de menor calidade á proposta.

O goberno local manifestou en todo momento a “imposibilidade de mudar un proxecto coa que a propia empresa se comprometeu e, menos aínda, se esta mudanza repercute nunha diminución da calidade da obra prevista no proxecto”. A responsable de Urbanismo, Vías e Obras no Concello de Ponteareas sinalou que “este tipo de prácticas son as responsable do malgasto dos cartos dos veciños e das veciñas” e garantiu que as obras licitadas por este goberno local “respectarán o estipulado nos proxectos iniciais, tanto no apartado técnico como no económico”.

A esta situación haille que engadir a opinión desfavorable do arquitecto desta obra para levar a cabo os traballos de construción da pista polideportiva en pleno curso escolar, polo que a decisión final do goberno local foi a de propoñer unha renuncia de mutuo acordo que a propia empresa aceptou. Trátase dunha decisión que será comunicada na Xunta de Goberno Local do vindeiro luns, 21 de setembro.

A obra será licitada novamente para que os traballos dean comezo unha vez remate o actual curso escolar, de maneira “que se poidan evitar accidentes innecesarios que poidan afectar á seguridade dos alumnos e aos traballadores do centro”, sinalou Garrote, que ademais se comprometeu “a garantir que esta obra estea finalizada antes do comezo do curso 2016-2017”. Asemade, a edil de obras recordou que “os cartos proceden dunha subvención da Deputación de Pontevedra que pode ser executada até o mes de decembro de 2016, polo que non hai risco de perder un investimento necesario para este centro educativo”.

Esta obra prevía que a pista polideportiva do CEIP Fermín Bouza Brey pasara dos 630 metros cadrados actuais a 1.022 metros cadrados, ademais da construción cunha cuberta de máis de sete metros de altura sobre o pavimento da mesma.