O Concello retira os restos do paseo pilotado e da ponte de madeira da senda do Tea ao seu paso pola Moscadeira

O Concello retira os restos do paseo pilotado e da ponte de madeira da senda do Tea ao seu paso pola Moscadeira

Tratábase dunha actuación prioritaria, xa que os restos da infraestrutura supoñían un perigo para as persoas usuarias

A retirada levouse a cabo tras obter a autorización da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil tras dous anos de trámites

O Concello de Ponteareas procedeu nos últimos días á retirada de restos dun paseo pilotado e dunha ponte en madeira tratada construídos hai máis dunha década na senda do río Tea e que presentaba un importante deterioro debido ás enchentes constantes nesta zona. As actuacións, que afectaban a un tramo de 55 metros da marxe esquerda do río ao seu paso pola Moscadeira, eran unha prioridade, xa que “o importante deterioro que presentaban estes restos, con anacos de viga, táboas rotas… supoñían un perigo para as persoas usuarias deste tramo”, explica a concelleira de Medio Ambiente, Rosa Covelo.

Tras conseguir a autorización da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil despois de dous anos de trámite, o Concello procedeu á retirada do que quedaba do paseo pilotado e da ponte de madeira, construída durante a creación das instalacións para salvar un regato temporal e as dificultades de tratarse dunha zona inundable. Non obstante, as enchentes constantes que sufre ese espazo “provocaron o desprendemento e desprazamento destas estrutura, incluso a perda de numerosos tramos, quedando soamente restos inservíbeis”.

A retirada dos restos de infraestrutura permitirá tamén recuperar o trazado da senda do río Tea e mantelo medioambientalmente, xa que os obstáculos que obstruían esta zona provocou a aparición de numerosos atallos e novos sendeiros que estaban a contribuír á degradación da ribeira.