O Concello restaurou o cruceiro de Chan de Espiño

A Concellaría de Cultura, que dirixe Fernando Groba, informa que remataron as obras de rehabilitación do cruceiro de Chan de Espiño.

 

Como consecuencia do impacto dun coche este cruceiro, que está situado en Urcela, parroquia de San Martiño de Moreira, tivo que restaurarse totalmente. Tras a colisión quedou esnaquizado en sete anacos e algunhas pezas desta obra da cultura popular como o capitel non apareceron tendo que facerse un novo que mantivese exactamente as mesmas características que o orixinal. O capitel é de forma redondeada, liso e cun anel como motivo decorativo. A cruz é alta e esvelta, de forma cadrada e rebaixada nos bordos, carece de imaxes.

 

O concelleiro lamenta a perda do capitel e convida a toda a cidadanía a protexer o noso patrimonio insistindo, dende o seu departamento, no coñecemento dos elementos patrimoniais para a súa posta en valor.

 

O Concellaría xa realizou tarefas de limpeza e conservación do cruceiro de Ribadetea, tamén se arranxou o do terreiro de Xinzo e a fonte da Fama. Nos vindeiro meses procederase á limpeza da pía bautismal da avenida Constitución.