O Concello repartirá novos composteiros individuais entre a veciñanza na parroquia de Fontenla

 

A Concellaría de Medio Ambiente organizará unha charla no Centro Cultural este sábado 30 de abril ás 19.00 horas

 

O Concello repartirá novos composteiros individuais entre a veciñanza na parroquia de FontenlaO Concello de Ponteareas continúa apostando pola compostaxe como ferramenta para mellorar a xestión de residuos e eliminar a materia orgánica que remata no colector verde. Este sábado 30 de abril a Concellaría de Medio Ambiente organizará unha charla divulgativa ás 19.00 horas no Centro Cultural de Fontenla na que achegar o que e a compostaxe á veciñanza da parroquia e repartir novos composteiros individuais (COINs).

 

Deste xeito o Concello pon en marcha unha nova experiencia de compostaxe individual na vila, como a que xa se levara a cabo na parroquia de Arcos, co obxectivo de “estender as prácticas de autocompostaxe ao maior número posible de vivendas unifamiliares para lograr unha xestión sostible do lixo e reducir o impacto económico do seu transporte e da súa eliminación”, como explica a concelleira, Rosa Covelo.

 

Durante o encontro, a mestra composteira explicará a veciños e veciñas o impacto que teñen os residuos domésticos e a necesidade de xestionalos de xeito sostible para reducir a contaminación ambiental e para a adecuación á lexislación vixente de biorresiduos. As persoas participantes poderán coñecer de primeira man que é un composteiro, como montalo e usalo e as vantaxes que ten a compostaxe doméstica.

 

Tras as explicacións necesarias, procederase á entregar ás veciñas e veciños interesados dun composteiro individual cedidos por Sogama. O Concello fará un seguimento do funcionamento de todos os composteiros entregados para así “facer un estudo por parroquias de canto se reducen os biorresiduos nos colectores verdes con datos reais”. “É importante saber que o 42% do lixo que producimos nos fogares son residuos orgánicos. Son uns restos que, en lugar de rematar nun colector, poden converterse en abono a través dun proceso moi sinxelo que queremos achegar ás casas das ponteareás e ponteareáns”, salienta a edil.