O Concello repara deficiencias históricas na rede de saneamento na Avenida de Castelao  

As obras solucionarán as verteduras de augas fecais producidas polo mal estado das tubaxes

 

O Concello de Ponteareas está a reparar as deficiencias históricas na rede de saneamento da Avenida de Castelao no cruce coa rúa San Roque, onde a rotura das actuais tubaxes e a insuficiencia de dimensión para acoller o caudal necesario provocaban “graves problemas para a saúde pública polas verteduras de augas fecais á rúa, ao terreo e ao soto de edificios lindeiros”, como salienta a alcaldesa, Cristina Fernández Davila. “Cando revisamos atopámonos cunha rede de saneamento en moi mal estado pola deficiencia na calidade construtiva e pola falta de mantemento prolongado no tempo, con tubaxes de rotas ao non aguantar a presión e con outras desencaixadas, o que provoca continuas filtracións” recalca a rexedora.

 

Un histórico problema que se repite con frecuencia e que supón grande investimento para o Concello, que cada ano inviste miles de euros en solucionar as desfeitas causadas. Agora estanse a colocar novas tubaxes para acabar coa entrada de augas fecais en garaxes de edificios da contorna debido ás continuas roturas e adaptar a instalación “ás necesidades reais da vila, coas arquetas coas dimensións axeitadas para canalizar a densidade dos residuos”, explica a concelleira de Infraestruturas Básicas, Lola Covelo. Estas obras de reparación supoñen un investimento de case 47.000 euros cofinanciados polo Plan Concellos 2020 e fondos propios.

 

Ademais das reformas puntuais en diferentes rúas de Ponteareas, como a que se está a levar a cabo na Avenida de Castelao, o Concello inclúe en todas as obras de humanización que se están a realizar o cambio e actualización da rede de saneamento e o soterramento de redes e servizos como o alumeado ou telecomunicacións.