O Concello reordenará o uso do espazo público das rúas do Baratillo e Cortiña Vella tralo remate das obras en San Roque

A proposta conleva a peonalización do tramo entre a Fonte do Baratillo e a rúa Fernández Vega

A Concellaría de Mobilidade e Tráfico fixo pública a súa proposta de reordenación da utilización do espazo público nas rúas do Baratillo e Cortiña Vella tralo remate das obras de humanización da rúa San Roque. A proposta conleva a peonalización do tramo comprendido entre a Fonte do Baratillo e a rúa Doutor Fernández Vega.

 

A concellaría que dirixe Roberto Mera remitíu á veciñanza e colectivos sociais e políticos a proposta de reordenación do uso desas zonas na que se analizan as características das rúas e as súas problemáticas. Nela saliéntase que non existe un itinerario peonil continuado, seguro e cómodo de maneira que as persoas que camiñan teñen que facelo en moitos tramos polas zonas que circulan ou estacionan os vehículos. O tramo dende a fonte até Fernández Vega, así como Cortiña Vella en todo o seu percorrido, é moi estreito e impide dotalo de beirarrúas e carril de circulación ao mesmo tempo. Ademais no Baratillo presenta unha grande pendente que xera riscos e inseguridade para peóns e vehículos. Por outra banda, o muro perimetral da fonte do Baratillo, un ben de valor histórico e arquitectónico, soporta con frecuencia o impacto de vehículos que causan danos a ese elemento. A concellaría engade que o tráfico de paso nese tramo do Baratillo é innecesario pois só pode dirixirse á N-120 e dispón doutros itinerarios alternativos por Perillana e Cortiña Vella.

 

Precisamente Cortiña Vella pasará a ter a consideración de rúa residencial o que implica prioridade peonil en toda a calzada e limitación de velocidade a 10 km/h, ao igual que a rúa San Roque recentemente humanizada. Esta limitación de velocidade está tamén asumida pola maior parte dos concellos da provincia de Pontevedra que, coma Ponteareas, se adheriron á Rede Ágora.

 

Segundo Roberto Mera, os obxectivos das propostas son “garantir e dar prioridade ao dereito das persoas a camiñar con seguridade e comodidade nunha rúa que une o centro con equipamentos como a Biblioteca, Museo ou Parque da Perillana”. Búscase tamén reducir o uso do vehículo a motor no centro urbano, limitándoo ao tráfico de necesidade e evitando o de pura comodidade. A redución do tráfico conleva menos contaminación atmosférica e acústica, maior seguridade vial e, neste caso, a protección dun ben catalogado como a Fonte do Baratillo. A peonalización dun tramo da rúa Baratillo é ademais unha previsión do Plan de Mobilidade Urbana Sostíbel de Ponteareas redactado por técnicos de mobilidade sumándose tamén aos obxectivos do Pacto das Alcaldías polo Clima e aos Obxectivos de Desenvolvemeno Sostíbel 2030.

 

A proposta someteuse á consideración de persoas residentes e usuarias dos garaxes, actividades comerciais, taxistas e outros colectivos sociais que poden presentar suxestións ou pedir máis información até o mércores 5 de febreiro.