O Concello reordena o tráfico na contorna da igrexa e da Casa Cultural de Areas, recuperando espazos para as persoas

O Concello reordena o tráfico na contorna da igrexa e da Casa Cultural de Areas, recuperando espazos para as persoas

 

Aténdese así unha demanda dos colectivos sociais e da veciñanza

 

O Concello de Ponteareas, a petición dos colectivos sociais de Areas, vén de reordenar o tráfico rodado na contorna da igrexa parroquial e da Casa Cultural para reducir o tráfico innecesario e recuperar espazo público para as persoas.

 

Até agora a estrada que discorre por diante da Casa Cultural víñase empregando a modo de atallo por moitos vehículos malia dispoñer doutra alternativa máis segura e axeitada pola estrada provincial. A concellaría de Mobilidade e a Policía Local analizaron a solicitude da veciñanza para reducir ao mínimo o tráfico rodado a carón da Casa Cultural e conducir ese tráfico de paso pola estrada provincial, gañando así en seguridade para as persoas.

 

Con esta reordenación:

  1. Dende a N-120 unicamente poderá accederse até a igrexa e o torreiro, quedando prohibido circular por diante da Casa Cultural.
  2. Dende a estrada provincial poderase acceder e circular pola pista a carón da Casa Cultural pero a unha velocidade de 10 km/h e dando prioridade ás persoas.

 

Con este tipo de medidas mellórase a calidade de vida da veciñanza, a seguridade dos peóns e recupéranse espazos para o uso das persoas, reducindo ou erradicando o tráfico de paso que emprega pistas parroquiais como atallos en lugar de utilizar vías provinciais, autonómicas ou estatais máis seguras e axeitadas.