O Concello realizará reformas importantes no Conservatorio Municipal “Reveriano Soutullo” de Ponteareas

A substitución dunha das cubertas do edificio e a canalización exterior de recollida de augas pluviais evitará entradas de auga e humidades nas instalacións.

O investimento total nas obras será de máis de 32.000 euros, a cargo dos fondos aportados polo Plan Concellos da Deputación de Pontevedra

 

A solución proxectada dende a Oficina Técnica do Concello de Ponteareas consiste na retirada da actual cuberta baixa para substituíla por unha nova que permita o illamento total da zona onde están os novos aseos, procedendo á impermeabilización do encontro da cuberta co módulo principal do edificio en todo o seu perímetro e a incorporación dunha calexa oculta na parte baixa do tellado.

Realizaranse tamén obras no exterior do edificio do Conservatorio a fin de erradicar as permanentes humidades ocasionadas polas filtracións en días de choiva e a instalación dunha rampla de acceso na parte posterior.

“Esta é a primeira actuación no edificio do Conservatorio Reveriano Soutullo, a fin de devolverlle o esplendor doutros tempos e acondicionalo como corresponde para facilitar o confort que precisa o alumnado. Da totalidade do proxecto de reformas executarase unha nova fase no 2017, dando así resposta as peticións da Comunidade Educativa e asumindo a responsabilidade da Concellería de Ensino que abandonara as instalacións noutras lexislaturas”, aclara a concelleira de Ensino, Cristina Fernández.