O Concello realiza investimentos para mellorar o Centro Cultural Xinzo

O Concello realiza investimentos para mellorar o Centro Cultural Xinzo

Asinou un convenio de colaboración coa comunidade de montes para achegar 26.500 euros para o mantemento e conservación das instalacións

O Concello de Ponteareas mantén o seu compromiso cos centros culturais da vila cunha nova obra de renovación, a do Centro Cultural Xinzo. O Concello e a Comunidade de Montes Veciñais en Man Común da parroquia asinaron un convenio de colaboración a través do que o Goberno municipal achegará máis de 26.500 euros para as obras de mantemento e conservación realizadas no centro cultural desta parroquia. O edificio, construído en 1991 cun deseño arquitectónico de referencia, converteuse no centro neurálxico do lecer e a cultura para a veciñanza da parroquia.

“Para o Goberno municipal é moi importante continuar colaborando coas asociacións e entidades da vila para conservar os nosos bens patrimoniais e seguir dotando de servizos de calidade a toda a veciñanza”, explicou a alcaldesa, Cristina Fernández Davila, quen salientou a importancia que as casas e centros culturais teñen na vida cotiá dos e das ponteareás como “centros de esparexemento, de estancia e de convivencia. Por este motivo debemos traballar para seguir facendo destas instalacións un lugar accesíbel, cómodo e moderno onde poder facer e gozar da cultura”.

A través deste acordo, o Concello investirá 25.000 euros nas obras para a reparación en cuberta, selado e limpeza da pedra da fachada no exterior das instalacións, así como para a reposición do pavimento na zona interior. Ademais, tamén se achegarán outros case 1.600 euros para o mantemento e a realización das inspeccións periódicas obrigatorias do ascensor e salvaescaleiras do centro cultural.

O Centro Cultural Xinzo está aberto á veciñanza durante todo o ano, cunha programación cultural estábel e con servizos como biblioteca, cafetaría ou clases formativas e lúdicas para todos os públicos. Ademais, fan uso destas instalacións diversos colectivos veciñais, sociais e musicais, así como á Asociación Forestal de Galicia.