Atópase dispoñíbel na web municipal e permite á cidadanía acceder a información completa sobre todos os servizos públicos municipais
A concellaría de Bo Goberno, Transparencia e Participación Cidadá que dirixe o nacionalista Roberto Mera presentou hoxe o primeiro catálogo de servizos públicos do Concello de Ponteareas. O catálogo está dispoñíbel na web do Concello e permite obter información completa de todos os servizos municipais. A búsqueda da información pódese facer a través dun índice de áreas nas que se despregan os servizos de cada unha delas, ou a través dun buscador onde se poden inserir unha ou varias palabras de busca.
A información que se ofrece de cada servizo inclúe a do edil responsábel do mesmo, a área á que está adscrito o servizo, a súa denominación, unha ampla descrición do mesmo, o que se oferta nel ou que procedementos se tramitan, o emprazamento físico das oficinas, o teléfono, o enderezo electrónico e o horario de funcionamento ou de atención ao público.
Mera salienta que “no anterior mandato a prioridade foi sanear economicamente o Concello e organizar o cadro de persoal a través da Relación de Postos de Traballo. Neste mandato o noso obxectivo é modernizar a administración local e ofrecer unha información e atención cidadá de calidade”. O concelleiro nacionalista engade que “o primeiro paso, ao que adicamos estes primeiros meses de mandato, foi recopilar toda a información dos servizos municipais e facer os organigramas internos do concello que non existían. Con este traballo logramos que o Concello saia da súa histórica desorganización e que por vez primeira conte cun catálogo completo e detallado de todos os servizos que se prestan, incluindo os procedementos que se tramitan neles”.
O catálogo é unha ferramenta fundamental para a cidadanía que agora poderá saber a onde dirixir as súas consultas ou solicitudes, pero tamén terá unha grande utilidade no funcionamento interno do Concello, ao facilitar ao conxunto de oficinas municipais e do persoal información precisa e actualizada sobre a prestación de servizos municipais.
Mera exemplifica a utilidade do catálogo explicando que “a información sobre os servizos é moi detallada e extensa o que permite atopar a información co uso de numerosas palabras clave. Inserindo, por exemplo, verbas como terrazas, cemiterio, desbroces ou alumeado a cidadanía atopará en poucos segundos a información completa sobre o servizo municipal que tramita esas cuestións, o edificio ou instalación onde se atopa a súa oficina, o seu horario, o seu teléfono ou o seu enderezo electrónico”.
“A nosa pretensión”, engade Mera, “é ampliar a información elaborando un catálogo de procedementos administrativos onde o cidadán saiba como se fai a súa tramitación, que documentación se debe achegar, os prazos de resolución do expedientes, etc… É un traballo ambicioso que levará varios anos, pero que temos tamén como obxectivo neste mandato”.
O concelleiro pide a colaboración cidadá para mellorar o catálogo e que calquera incidencia, erro ou suxestión para melloralo se remita ao correo participacioncidada@ponteareas.gal