Será os luns, mércores e venres de agosto e contará cun amplo programa de actividades educativas e de lecer
O Concello de Ponteareas pon en marcha este verán unha nova edición de ‘ActivaTea’, un campamento no que mozos e mozas de 13 a 17 anos poderán gozar dun amplo programa de actividades educativas e de lecer coas durante todo o mes de agosto. As actividades desenvolveranse ao aire libre todos os luns, mércores e venres de 10.00 a 14.00 horas entre o 1 e o 31 de agosto.
Segundo explica Miguel Bouzó, edil de Mocidade, con esta iniciativa o Concello busca dar cobertura “a unha franxa de idade que require dunha maior oferta lúdica e formativa e para a que habitualmente non hai unha gran variedade de opcións e, ao mesmo tempo, continuar favorecendo a conciliación laboral e familiar entre as e os ponteareáns”.
A través do programa ‘ActivaTea’, os rapaces e rapazas participantes poderán gozar de espazos de lecer, convivencia e socialización saudábeis, ao tempo que se fomenta a autonomía e a interacción e o traballo en equipo. Cunha perspectiva eminentemente participativa, os propios mozos e mozas formarán parte do deseño e preparación das actividades, dando cabida así a temáticas que sexan do seu interese.
As persoas interesadas en participar poden inscribirse xa entregando a ficha correspondente. Para máis información poderán enviar un correo electrónico a omix@ponteareas.gal ou chamar ao 986 660 765. O campamento terá un prezo de 25 euros.