O Concello pide explicacións ao Centro de Saúde de Ponteareas polo retraso na atención dunha emerxencia

O Concello pide explicacións ao Centro de Saúde de Ponteareas polo retraso na atención dunha emerxencia

O Goberno local lembra que o Centro de Saúde se atopa a poucos metros de distancia do lugar no que se produciu a emerxencia, que rematou en falecemento

O Concello de Ponteareas pediu explicacións á Coordinadora do Centro de Saúde de Ponteareas pola falta de ambulancia e o retraso na atención a unha persoa que sufriu un infarto nunha vivenda do centro urbano e finalmente faleceu o pasado luns 27 de febreiro a primeira hora da tarde.

A petición de explicacións realízase logo de que a Policía Local elaborase o seu atestado acompañado do informe médico do SERGAS. En ambos os dous informes constátase que a Policía Local e os bombeiros estiveron durante media hora realizando labores de reanimación do paciente pola ausencia de servizos sanitarios que, cando chegaron, só puideron certificar o falecemento. No informe médico sinálase que o retraso de media hora se produciu “ya que no había ambulancia”. Segundo o informe policial, os técnicos sanitarios explicaron que a ambulancia tivo que vir dende A Cañiza.

A alcaldesa de Ponteareas, Cristina Fernández, felicitou á Policía Local e aos bombeiros municipais pola rapidez na súa intervención e demandou explicacións á Coordinadora do Centro de Saúde. “Todos os feitos relatados no informe da Policía Local e no propio informe do persoal médico resultan preocupantes e requiren dunha información clara e transparente para coñecer en toda a súa extensión o acontecido”, sinala a alcaldesa na súa carta, na que engade que “o Centro de Saúde se atopa a 500 metros da vivenda da persoa falecida, é dicir, a dous minutos en vehículo e a cinco camiñando, polo que desatender durante máis de media hora unha emerxencia grave debe ser obxecto de explicacións e, no seu caso, depuración de responsabilidades”.

A alcaldesa transmitiu as súas condolencias á familia do falecido.