A concellería de Medio Ambiente, que dirixe Rosa Covelo, quere recordar á cidadanía que cada semana os veciños poden dispor do servizo de recollida de enseres, referíndose deste xeito a mobiliario voluminoso, colchóns, neveiras ou somieres, entre outros moblaxes de particulares e dos fogares. Todos aqueles que queiran empregar este servizo deberán comunicalo previamente chamando ao número de teléfono 986 64 03 07 e os responsables do servizo indicarán o día e lugar onde depositar na rúa o moble ou enser.
Dende o servizo que presta a empresa FCC lembran a importancia de comunicar previamente a necesidade de chamar sempre para solicitar a recollida dos mobles e enseres, para dun xeito controlado, garantizar que este tipo de residuos voluminosos estean o mínimo tempo posible ocupando a vía pública.
Os electrodomésticos de pouco volume non son considerados enseres e non poderán deixarse na rúa nin nos contedores, tendo que ser depositados no Punto Limpo Municipal ubicado en Areas.
Que deixar no Punto Limpo?
O punto limpo ofrece un amplo horario, de luns a venres de 08:30 a 13:45 horas e de 16:00 a 18:00 horas, estando aberto tamén os sábados de 10:00 a 13:00 horas. Todos e todas as empadroadas en Ponteareas terán dereito a usar sin coste os servizos do Punto Limpo.
Dende aceites de fritura a electrodomésticos ou restos de obras menores son recollidos no Punto Limpo Municipal que só poden empregar únicamente particulares.
Todos os restos que queiramos deixar neste punto limpo terán que estar perfectamente identificados, xa que non se admite a entrega de residuos cuxo contido sexa descoñecido.
A concelleira Rosa Covelo lembra a importancia da reciclaxe e pide a colaboración da cidadanía na selección do lixo depositando cada resto no contedor axeitado e contribuíndo así na mellora da calidade medioambiental e na construción dunha vila máis sostible e máis respectuosa na liña das directrices recollidas na estratexia de futuro “Ponteareas, Hábitat Saudable”.
O concello de Ponteareas conta cun total de 135 contedores distribuídos polo centro urbano e 830 no rural. Tamén conta con illas de recollida selectiva (envases/papel/vidro e pilas) sendo 51 no casco urbano e 66 no resto das parroquias.
Este servizo foi valorado positivamente polos veciños e veciñas na última enquisa do servizo realizada.