O Concello mellora a mobilidade en Vidales Tomé e Emilio Rodríguez

O Concello de Ponteareas deu solución a un grave problema de mobilidade que soportaban os peóns na confluencia da rúa Vidales Tomé coa rúa Emilio Rodríguez. Desde hai anos, os peóns que circulaban pola beirarrúa situada a carón do Centro Artístico Sportivo atopábanse con vehículos e colectores de lixo que impedían continuar camiñando por zona peonil, o que os obrigaba a invadir a calzada co risco para a seguridade que supuña.

O Goberno Local acometeu a reordenación da zona, habilitando un paso peonil e un paso de peóns que agora permite que os peóns podan continuar camiñando con preferencia e seguridade.

O Goberno Municipal aclara que se trata dunha solución necesaria pero provisional pois a intención é humanizar nos vindeiros anos a rúa Emilio Rodríguez, que malia tratarse dunha rúa das máis transitadas de Ponteareas, só conta con beirarrúa completa por unha das súas marxes e cunha anchura que apenas supera o metro. “Ampliaremos a beirarrúa e daremos unha solución á problemática do muro do solar do C.A. Sportivo para converter esta rúa nun lugar cómodo para o paseo e as compras”, sinalan desde o goberno local.