O Concello licita obras de humanización nas rúas Reveriano Soutullo e Amado Garra por importe de 225.000 euros

rúa Reveriano SoutulloA Xunta de Goberno Local do Concello de Ponteareas, na súa sesión do día 06 de abril de 2015, vén de aprobar a licitación das obras de humanización das rúas Reveriano Soutullo (Tramo II) e  Amado Garra (Tramo I),  que serán reformadas completamente.

As rúas Reveriano Soutullo (Tramo II) e  Amado Garra (Tramo I), de Ponteareas, serán reformadas completamente, acometéndose obras de humanización, apostando pola creación dun espazo urbano máis adecuado ás necesidades do cidadán, poñendo especial énfase no maior ancho de beirrarúas, o deseño de pasos de peóns máis seguros, a creación de zonas onde se instalarán bancos, árbores, etc, a ordenación das prazas de aparcamento, o coidado de accesos aos garaxes etc. Tamén se contempla a renovación do firme da calzada, levantándose o pavimento existente, así como a execución dun novo, asfáltico, en quente.

As actuacións na  rúa Reveriano Soutullo abarcarán desde a súa confluencia coas rúas Senén Canido e Amado Garra ata a confluencia coa rúa Doutor Fernández Vega, posto que o resto da rúa xa fora humanizada recentemente, completándose así a mellora, renovación e humanización de toda a rúa. Na rúa  Amado Garra as obras acometernase no tramo desde a súa confluencia coa rúa Reveriano Soutullo ata a intersección coa rúa Virxe da Luz.

As obras consistirán no levantado do pavimento das beirarrúas e dos seus bordos, así como o da calzada para a ampliación das citadas beirarrúas, excavación para o trazado da rede de abastecemento de augas, conexión de sumideiros de augas pluviais á rede xeral, etc, ornato das vías e mellora da accesabilidade dos peóns, entre outras.

As novas beirarrúas terán un ancho mínimo de 1,50 metros, excepto en zonas onde non poida ser posible, con acabado de lousas de granito silvestre,  colocándose nas zonas do paso de peóns un pavimento diferenciado de granito vermello, ranurado nas zonas destes pasos, cumprindo a normativa de accesibilidade de Galicia., e nos tramos sobre os que transitarán vehículos (entrada de venículos ou entradas a colexios) este estará formado por  pavimento de adoquíns de granito. Instalaranse tamén un total de 23 bolardos naquelas zonas das rúas onde non sexa posible o aparcamento. Nas citadas rúas establecerase un ancho de calzada de 3,15 metros.

Con posterioridade á execución da renovación das beirarrúas, contémplase a renovación do firme das dúas rúas, a mellora do saneamento de recollida das augas pluviais, dispoñéndose novos sumideiros de formigón e colocándose nova tubería na rede de abastecemento de augas, procedéndose tamén á instalación de catro bocas de rego para a extinción de incendios. Todas estas obras se completarán con elementos de mobiliario urbano e xardinería, instalándose bancos, papeleiras e plantando árbores nas zonas das rúas onde o seu maior ancho o permita.

Nas obras acometidas nestas dúas rúas investiranse máis de 225.000 euros, contemplándose un prazo de execución de seis meses e procedéndose á execución das obras por fases para interferir o mínimo posible na circulación de persoas e vehículos e permitir o desenvolvemento da actividade urbana.

O Concello de Ponteareas, segundo o seu alcalde Salvador González Solla, a través destas obras, e doutras que se levarán a cabo noutras rúas, como a rúa das Camelias ou Salgueiro, continúa co Plan de mellora das vías urbanas, como xa sucedeu en rúas como a Avda. da Constitución, Avda. de Galicia ou rúa de Oriente, entre outras, para conseguir a humanización e renovación das rúas de Ponteareas, adaptándoas ás novas necesidades e ás medidas de mellora de accesibilidade para as persoas con problemas de mobilidade.