O Concello licita a redacción dos proxectos de mobilidade amábel e recuperación dos espazos públicos ao abeiro da Rede Ágora

 

Sae a licitación por un importe de máis de 54.000 euros, financiados ao 90% pola Deputación de Pontevedra. As e os profesionais interesados poderán presentar ofertas ata o 16 de febreiro

 

O Concello vén de sacar a licitación a redacción dos proxectos de mobilidade amábel e recuperación dos espazos públicos no ámbito municipal de Ponteareas, pertencente á Rede Ágora promovida pola Deputación de Pontevedra.

 

Os e as profesionais interesados terán ata o vindeiro 16 de febreiro ás 23.59 horas para presentar as súas ofertas. O importe de licitación é de máis de 54.000 euros, financiados ao 90% pola Deputación de Pontevedra no marco da Rede Ágora e ao 10% con fondos propios do Concello.

 

Os proxectos atinxirán ás rúas Constitución, Concha Brey, Senén Canido e un tramo de Reveriano Soutullo, Vidales Tomé e Morales Hidalgo. Os obxectivos xerais da redacción serán a recuperación de espazos para as persoas, a potenciación da mobilidade peonil e en bicicleta, a eliminación do tráfico de paso e axitación, a redución da contaminación, a creación dun eixo verde e de camiños escolares seguros, a mellora da seguridade viaria, a integración e coherencia da reforma da Praza de Bugallal ou a valorización do patrimonio arquitectónico, entre outros.