O Concello lembra á veciñanza que pode resolver as súas dúbidas sobre consumo a través da OMIC de Ponteareas

O Concello lembra á veciñanza que pode resolver as súas dúbidas sobre consumo a través da OMIC de Ponteareas

A Oficina Municipal de Información ao Consumidor atende estes días numerosas consultas sobre os recibos da luz

As persoas interesadas poden poñerse en contacto a través do teléfono 886 090 116 ou do correo electrónico omic.ponteareas@xunta.gal

O Concello de Ponteareas lembra á veciñanza que ten á súa disposición a Oficina Municipal de Información ao Consumidor (OMIC), un servizo de atención directa e de balde a través da que todas e todos os ponteareáns poden solicitar información ou realizar consultas sobre problemas que poden afectalas e afectalos como consumidores, garantindo o exercicio dos seus dereitos.

Nas últimas semanas, a OMIC recibiu un elevado número de consultas relacionadas cos recibos da luz emitidos polas diversas comerciais eléctricas, a máis habitual centrada no custo do KW/h pagado pola clientela e a posibilidade de comparar ofertas con outras compañías. Ademais de axudar nestas cuestións, o persoal técnico da oficina ofrece asesoramento en relación cos dereitos da e do consumidor, así como información sobre a quen corresponde o pago en relación co mecanismo de axuste promulgado no Real Decreto Lei 10/2022, o chamado ‘tope do gas’, sobre a subvención do bono social, os atrasos na emisión de facturas ou sobre os cobros de mantemento ou servizos, entre outros.

En caso de detectarse unha actuación incorrecta por parte da comercial de electricidade, a persoa afectada poderá presentar a través da oficina a correspondente reclamación contra a compañía para solucionar o problema.

Todas as persoas interesadas poderán solicitar cita previa na Oficina de Municipal de Información ao Consumidor de Ponteareas para consultas a través do correo electrónico omic.ponteareas@xunta.gal ou chamando ao teléfono 886 090 116 luns, mércores e venres de 09.00 a 13.00 h. As dependencias da OMIC están situadas no segundo andar do edificio de Servizos Sociais.