O Concello inviste máis de 34.000 euros para a posta a punto de varios parques da vila e de centros educativos

Leváronse a cabo traballos de restauración na zona de recreo en Moreira do CRA A Picaraña e no CEIP Fermín Bouza Brey. Tamén se instalou un novo parque en Cillarga e realizáronse melloras no parque Ponteareas Cidade

O Concello inviste máis de 34.000 euros para a posta a punto de varios parques da vila e de centros educativosO Concello continúa a realizar melloras nos diferentes centros educativos de Ponteareas, “un investimento en ensino que é unha prioridade para o Goberno municipal e que, dentro das nosas competencias, tentamos realizar a miúdo para mellorar aínda máis as instalacións e conseguir un ambiente agradábel para o alumnado”, como explica a alcaldesa e concelleira de Ensino, Cristina Fernández.

Neste camiño, o Goberno municipal vén de investir máis de 34.000 euros en diferentes obras, entre elas “a melloras de competencia do Concello como os de recuperación dos elementos da zona de recreo e do material de xogo así como a cobertura  dos distintos parques con lonas para a protección solar de cativos e cativas”.

Así, realizáronse obras de mellora das zonas de recreo das que goza o estudantado de diferentes colexios de Ponteareas, como na zona de xogos das instalacións que ten en Moreira o CRA A Picaraña, unha actuación coa que se procedeu á restauración dos xogos para reforzar a seguridade e estética e se colocou un novo valado perimetral na zona do areeiro. Por outra banda, a Concellaría de Ensino procedeu á reparación da zona de xogos e bambáns do CEIP Fermín Bouza Brey.

Complementando o traballo realizado nos centros escolares, o Concello tamén levou a cabo diferentes accións de mellora do parque Ponteareas Cidade, así como a instalación dun novo parque ao carón da Casa Cultural de Cillarga, na parroquia de Ribadetea.

Estes traballos de mellora súmanse aos que cada ano realiza o Goberno municipal que, como lembra Cristina Fernández, leva oito anos “facendo importantes investimentos nos centros escolares dentro das nosas competencias, xa que só podemos para levar a cabo pequenas reparacións de mantemento nos centros de educación infantil e primaria”. O ano pasado o Concello destinou máis de 700.000 euros nos centros escolares da vila entre persoal, limpeza, servizos, mantemento e reparacións.