O Concello inicia a campaña “PONTEAREAS LIMPA, É O TEU FOGAR” para a recollida dos excrementos caninos

O goberno local de Ponteareas pon en marcha a campaña “PONTEAREAS LIMPA, É O TEU FOGAR” para tratar de concienciar sobre os problemas dos excrementos caninos que algúns propietarios dos cans deixan sen recoller nas beirarrúas, parques ou prazas. Estes residuos ofrecen unha imaxe negativa de Ponteareas, ocasionan molestias á cidadanía e entorpecen a limpeza viaria.

A campaña chama a atención dos donos dos cans e indica aos veciños en xeral que a presenza de mascotas é benvida e necesaria. “É unha campaña novidosa e imaxinativa na que o propio can é o protagonista e reclama a atención do seu dono para o coidado e hixiene dos lugares públicos”, manifestou o alcalde e responsábel de Medio Ambiente, Xosé Represas

O obxectivo desta campaña é sensibilizar á cidadanía, dirixida aos veciños en xeral e especialmente a algúns propietarios de cans que aínda non colaboran para manter os espazos públicos nas mellores condicións. Con esta iniciativa, o goberno local de Ponteareas tamén pretende promover a convivencia e o respecto entre todos os veciños e as mascotas.

Dende o goberno local indican algunhas das aportacións positivas das mascotas e a súa convivencia con elas; aportación educativa aos pequenos, compañía as persoas maiores, axuda a persoas con discapacidade, o servizo da Unidade Canina de Protección Civil. Tamén lembran a instalacións dalgúns sanecans(dispensadores de bolsas guante) instalados para facilitar a hixiene das mascotas nos espazos públicos.

Ademais lembrase a obriga dos propietarios de cans da necesidade de rexistralos no censo municipal de animais e de cumprir con todas as súas obrigas.