As actuacións consisten na dotación dun semáforo, paso de peóns, sinalizacións e beirarrúa e o investimento ascende a 44.000 euros
Os concelleiros de Mobilidade e Tráfico, Roberto Mera, e de Vías e Obras Chus Garrote anunciaron o inicio das obras de mellora da seguridade viaria na N-120 á altura do IES do Barral. As actuacións consisten na creación dun paso de peóns en dita estrada dotado con semáforo de peche mediante pulsador así como a correspondente sinalización informativa e de seguridade viaria. Ademais, construirase unha beirarrúa pola marxe dereita da N-120 en sentido Ponteareas duns 100 metros de lonxitude e renovarase a canalización de recollida de augas pluviais. Tamén se dotará de iluminación á zona de aparcamento do instituto.
As obras supoñen un investimento de 44.000 euros e a previsión é que queden rematadas antes do reinicio do curso escolar tralas vacacións de Nadal.
O paso de peóns con semáforo era unha das principais demandas da comunidade educativa para paliar os graves problemas de seguridade viaria que presenta o actual acceso ao instituto. A actuación completa os traballos de mellora da seguridade e mobilidade realizados hai un ano pola concellaría de Mobilidade e Tráfico que consistiron na ordenación do espazo de aparcamento de dez autobuses, accesos peonís e circulación de vehículos, o acondicionamento da zona de aparcamento do persoal do IES, así como a creación dun percorrido para entrada e saída de vehículos de pais e nais, dotado con máis de 20 prazas de aparcadoiro. Segundo Mera “estas actuacións iniciadas hoxe, xunto ás realizadas no último ano e a presenza diaria da Policía Local, dan solución aos riscos que se producían nas entradas e saídas do alunado do IES”. O concelleiro adiantou que a intención do goberno local é que no futuro o semáforo tamén funcione como mecanismo de calmado do tráfico pechándose automáticamente cando se exceda a velocidade permitida neste tramo da estrada.
Chus Garrote lembrou que “os problemas de mobilidade e seguridade no IES O Barral foron consecuencia da falta de planificación dos gobernos do Partido Popular cando se
construíu o instituto sen crear uns accesos axeitados”.