Desde o martes 22 a rúa perimetral da praza pasa a ser unha ciclovía e só poderán acceder vehículos para garaxes dando prioridade ás bicicletas
A concellería de Mobilidade e Tráfico deu a coñecer as novas normas que desde mañá martes 22 rexerán o acceso con vehículo a motor na Praza da Perillana. A rúa perimetral da praza convértese nunha vía para o uso da bicicleta e por ela só poderán circular os vehículos para acceder aos garaxes situados nesa rúa, na que tampouco se poderá estacionar.
Para obter a correspondente autorización e o distintivo que os vehículos deberán levar nun lugar visíbel, as persoas interesadas deberán cubrir a correspondente solicitude, dispoñendo dun modelo oficial de solicitude na web do concello, na pestaña “formularios e impresos”, no apartado de “mobilidade” (ligazón http://ponteareas.gal/tramites-e-impresos/mobilidade/). Tamén está dispoñíbel o modelo na sede electrónica do Concello e pódese solicitar no correo mobilidade@ponteareas.gal.
Para obter a autorización as persoas interesadas deberán acreditar a súa condición de propietarias ou arrendatarias de praza de garaxe. O resto de requisitos e documentación a achegar está tamén dispoñíbel na web municipal xunto co modelo de solicitude.
Coa nova regulación só poderán circular pola rúa perimetral da Praza da Perillana os que precisen acceder ou sair dos garaxes, deberán facelo a 10 km/h, concedendo sempre prioridade a peóns e ciclistas.