O Concello informa dos novos condicionantes no tráfico polas obras da rede de calor

A Avenida de Galicia será de sentido único cara o centro e a saída cara a N-120 farase por Paseo Matutino e Castañal

A concellaría de Mobilidade e Tráfico informa das limitacións ao tráfico rodado que se implementarán a partires deste mércores como consecuencia da execución da rede de calor con biomasa.

Por unha banda, a apertura de zanxa e instalación de tubaxe na Avenida de Galicia desde Vidales Tomé até Carballos, conlevará que esta avenida pase a ter un único sentido de circulación que será cara o centro urbano desde a N-120. En consecuencia, para realizar o traxecto inverso os vehículos deberán circular por un itinerario paralelo empregando o Paseo Matutino e a Rúa Castañal até chegar á N-120.

Asemade, entre o mércores e o venres o primeiro tramo da rúa Carballos desde a Avenida de Galicia até a rotonda do emigrante situada na Estación de Autobuses estará cortada ao tráfico polas mesmas obras a fin de acometer a canalización que levará a rede de calor até a Escola Infantil por detrás dos Xulgados. En consecuencia, para acceder ao segundo tramo da rúa Carballos e á rúa Castañal desde a N-120 deberase circular pola Avenida de Galicia até a rotonda situada detrás da Casa do Concello, cambiar o sentido de circulación e utilizar o Paseo Matutino para acceder a Castañal e Carballos.

O goberno municipal agradece a comprensión veciñal diante dos inconvintes e incomodidades que todas as obras en espazos públicos inevitabelmente sempre xeneran. Ademais, salientan a importancia desta obra que abastecerá de calor con biomasa á Casa do Concello, Escola Infantil, Estación de Autobuses e Edificios do Centro de Día, Centro de Maiores e Centro de Servizos Sociais, o que suporá unha enorme redución das emisións de CO2, mellorando a calidade do aire na vila, así coma un considerábel aforro económico.