O concello informa ás Casas Culturais sobre as novas subvencións e os puntos wifi

O Alcalde de Ponteareas, o Concelleiro de Novas Tecnoloxías e a Concelleira de Cultura manterán este venres unha reunión cos representantes das Casas Culturais da localidade para informalos sobre a nova convocatoria de subvencións e a instalación de puntos de conexión wifi gratuitas nestes edificios parroquiais. A reunión terá lugar ás 19 horas na Casa do Concello.

A convocatoria deste ano recolle un total de 50.000 euros para distribuir entre as Casas Culturais atendendo a criterios obxectivos e transparentes de reparto recollidos nas bases.

Respecto á conexión a internet, instalaranse dous puntos, un exterior e outro interior, ademais dun escaner e o mobiliario correspondente. Con cargo ao orzamento, as Casas Culturais disporán de acceso gratuito á rede durante cinco anos dentro da estratexia europea “Ponteareas, hábitat saludable” financiada polo fondo europeo de desenvolvemento rexional da Unión Europea. O Concello tamén prevé colaborar coas Casas Culturais para promover a alfabetización dixital a través de cursos.

Ademais tamén se dará información sobre o programa de actuacións e actividades Cultura24 que ofrece actuacións contratadas polo propio Concello para as Casas Culturais da localidade. Outro programa en marcha, sobre o que tamén se informará, é o circuito cultural que permite ás Casas Culturais solicitar actuacións subvencionadas polo Concello de grupos musicais, artistas, etc da localidade inscritos en dito circuito.