Aumentarán os espazos para peóns e aparcamentos, crearanse seis estacionamentos para mobilidade reducida e novos pasos de peóns
A concellaría de Mobilidade e Tráfico que dirixe Roberto Mera continua coa súa campaña informativa sobre a reordenación de espazos peonís e tráfico prevista para un total de 14 rúas durante o mes de agosto. Tras concluir o proceso na zona oeste da vila, no entorno do Mercado Municipal, agora a campaña lévase a cabo na zona leste, entre a Avenida de Galicia, Paseo Matutino e Rúa Real, na zona coñecida como Ponteareas Cidade. As medidas propostas atinxen ás rúas Carballos, Castañal, Orotava, Pedra Pequena, Lamazáns, Manuel Rodríguez e Paseo Matutino.
As actuacións programadas van dirixidas por un lado a asegurar os itinerarios peonís alí onde aínda non existen e que obrigan actualmente ás persoas a camiñar pola calzada. É o caso da rúa Castañal desde a Escola Infantil até a rúa Real, que carece en case todo o seu trazado de zona peonil na marxe esquerda. A concellaría de Mobilidade e Tráfico habilitará un paso para camiñar cun mínimo de 2,50 metros de anchura.
Outra das medidas será a supresión do dobre sentido de circulación na rúa Carballos e nun tramo do Paseo Matutino. “Deste xeito gañamos fluidez no tráfico, seguridade e espazos para incrementar as zonas peonís e as prazas de estacionamento”, sinala Mera. Ademais, as rúas serán de sentido único xerándose itinerarios de circulación cara o exterior da vila que evitarán o tráfico de axitación que dá voltas de forma continua en lugar de estacionar nun aparcadoiro e que supoñen ruido, contaminación e inseguridade para as persoas residentes na zona. Mera lembra que dentro do ámbito de actuación existen tres aparcadoiros públicos e gratuitos con 220 prazas, que se ampliarán proximamente en 60 máis en Granitos de Galicia.
Ademais, tamén se prevé a creación de novos pasos de peóns e asegurar a visibilidade de todos eles eliminando atrancos visuais. Asemade, crearanse seis prazas de aparcamento para persoas con mobilidade reducida, dúas en Castañal, dúas en Carballos e outras dúas no Paseo Matutino.