O Concello incorporará un novo vehículo para ampliar prazas de transporte adaptado municipal

Sae a licitación a adquisición deste furgón e de dous vehículos para Vías e Obras, financiados ao abeiro do Plan Concellos 2021 

 

O Concello de Ponteareas quere incorporar tres novos vehículos ao seu parque móbil para continuar actualizando e mellorando a atención dos distintos servizos públicos e incorporar de forma progresiva vehículos menos contaminantes. Por este motivo, vén de saír a licitación a adquisición dun vehículo “para ampliar o servizo de transporte adaptado municipal e aumentar as prazas dispoñíbeis. Trátase dun servizo moi importante que nos permite poñer a disposición de persoas con dificultades de mobilidade un medio de transporte adaptado ás súas necesidades”, explica a concelleira de Benestar Social, Verónica Carrera.

 

Este vehículo, que deberá cumprir unhas características técnicas específicas, sae a licitación por case 48.000 euros. Ademais, xunto a este furgón, xa están tamén en proceso de licitación dous vehículos para a área de Vías e Obras coas que dotar ao persoal municipal das ferramentas necesarias para o desempeño do servizo. A subministración destes dous furgóns saen a licitación por máis de 20.000 euros.

 

Ambas adquisicións contarán co financiamento do Plan Concellos 2021. As e os profesionais ou empresas interesadas poderán persentar as súas ofertas ata o vindeiro 23 de febreiro ás 14.00 horas.