O Concello inaugura a exposición “O Entroido galego” coa charla de Rafael Quintiá, no auditorio municipal

Ás 20.30, o antropólogo vigués, gañador do premio Ramón Piñeiro de Ensaio no 2016, falará sobre a festa máis pagá do calendario

A exposición “O Entroido galego” estará aberta até o 3 de marzo. A devandita exposición foi concibida co fin de achegar á cidadanía e a todos interesados unha mostra da riqueza do noso Entroido en canto a persoeiros, celebración, simbolismo, ritos e expresións culturais vinculadas a este ciclo do ano que hoxe coñecemos como Entroido. A exposición foi organizada pola Sociedade Antropolóxica Galega (SAGA) coa colaboración do Concello de Ponteareas.

Rafael Quintía Pereira (Vigo, 1971) é licenciado en Antropoloxía Social e Cultural e mais en Ciencias Económicas e Empresariais, escritor, documentalista e músico tradicional. Centra a súa actividade profesional na antropoloxía e é membro fundador e presidente da Sociedade Antropolóxica Galega (SAGA). Cofundou o Grupo de Estudos Etnográficos Serpe Bichoca e leva 25 anos vencellado ao asociacionismo e á dinamización sociocultural.