O Concello felicita ao nadador Pablo Cabana tras proclamarse campión de España de longa distancia

O nadador ponteareán Pablo Cabana del Amo, do Club Natación Ponteareas, vén de proclamarse Campión de España de longa distancia na categoría Junior 1.

 

O concelleiro de deportes en funcións, Miguel Bouzó, traslada a felicitación do goberno local a Pablo Cabana por alcanzar este triunfo no Campionato de España celebrado este domingo na localidade catalá de Sant Cugat tras completar os 5000 metros cun tempo de 55:54.90, con máis de medio minuto de vantaxe sobre o segundo clasificado.

 

Así mesmo, o concelleiro nacionalista recoñeceu o traballo realizado polas demais integrantes do club, Andrea Domínguez, Sofía Carballo, Iria Lemos e Lucas Costa, que xunto a Cabana foron imprescindibles para que o CN Ponteareas lograse a cuarta posición nas clasificacións por equipos masculina e feminina.

 

“Ademais do talento de cada unha das nadadoras e nadadores, o traballo e a constancia son piares fundamentais no Club Natación Ponteareas para lograr os seus obxectivos, polo que dende o Concello queremos felicitar a todo o club por estes resultados e agradecerlle toda esa contribución que realizan durante o ano ao deporte ponteareán”, sinalou Miguel Bouzó.