O Concello felicita a Miguel Rodríguez tras proclamarse campión galego de Ciclocrós

Miguel Rodríguez Novoa, do Club Ciclista Ponteareas, vén de proclamarse Campión Galego de Ciclocrós na categoría júnior. O ciclista ponteareán venceu con solvencia na proba disputada esta fin de semana en Ferrol.

O concelleiro de deportes en funcións, Miguel Bouzó, felicitou publicamente a Miguel Rodríguez polo seu resultado, “rematando o ano como campión galego froito do esforzo e da constancia coa que se leva formado no Club Ciclista Ponteareas e coa que leva logrado diversos e importantes títulos”.

Así mesmo, Bouzó quixo trasladar un recoñecemento aos demais membros do club participantes neste campionato, como Vania Gregores (4ª Cadete fem.), Miguel Porto (5º Máster 30), Xano Gil (6º Cadete masc.) e Borja Gómez, sub-23 que transmitiu ao conxunto do deporte unha nova lección de superación.

O concelleiro nacionalista expresou tamén os mellores desexos a Miguel Rodríguez, Vania Gregores e Borja Gómez, que se desprazarán na vindeira semana a Torrelavega formando parte da convocatoria da Selección de Galicia para disputar o Campionato de España de Ciclocrós.