O Concello empraza á Xunta a facerse cargo da Estación de Autobuses da súa competencia o vindeiro 25 de marzo

Estación de autobuses de Ponteareas

 

O Concello xestiona a estación dende 2011 para garantir o servizo á veciñanza. Ante a falta de resposta da Consellaría á xenerosa oferta de colaboración municipal, o Concello citou á Xunta para recoller as chaves das instalacións

 

A pasada semana a alcaldesa de Ponteareas, Cristina Fernández, reiterou á Consellaría de Infraestruturas e Mobilidade a oferta de colaboración para a remodelación da Estación de Autobuses. O Goberno municipal do BNG-PSOE ofreceu á Xunta 376.000 euros para cofinanciar estas obras, fronte aos 246.000 euros que asumiría a administración autonómica. Ademais, a rexedora propuxo como forma de pagamento descontar os 130.000 euros que a Xunta lle debe ao Concello polas perdas ocasionadas pola xestión dende 2011 da Estación, de competencia exclusiva da administración autonómica. Os 246.000 euros restantes serían pagados polo Concello con cotas anuais de 12.300 euros durante 20 anos. A cambio a Xunta cedería o uso da primeira planta do edificio ao Concello tamén durante 20 anos.

 

Pasados case 15 días dende a comunicación da alcaldesa, a Xunta de Galicia non deu resposta á oferta de colaboración. Cristina Fernández Davila lamentou que “a Consellaría non responda á xenerosa oferta municipal para unhas obras a realizar nun edificio propiedade exclusiva da Xunta”. A alcaldesa non entende a actitude da administración autonómica, xa que “resulta sorprendente que ante o noso ofrecemento de 376.000 euros a Xunta pretenda impoñernos unha forma de pago único que os servizos xurídicos e económicos municipais non consideran legal e non acepten o pagamento fraccionado”. A rexedora lembrou que “Ponteareas non ten ningunha obriga de gastar nada na Estación de Autobuses que é competencia exclusiva da Xunta, pero aínda así estamos dispostos a facelo a cambio de poder usar parte das instalacións. O que non ten sentido é que fronte á man tendida do Concello, a Xunta poña condicións que ademais son imposíbeis legalmente. As condicións ponas quen colabora sen estar obrigado, neste caso o Concello, e non quen recibe a colaboración, que é a Xunta”.

 

Nun novo escrito remitido hoxe á Conselleira a alcaldesa reitera a oferta de colaboración pero sinala que ante a falta de resposta, “pouco acorde coa seriedade esperábel da Xunta”, o Concello vese abocado a entregar xa as instalacións para non seguir perdendo cartos coa súa xestión. Por iso a Xunta foi emprazada a recoller o vindeiro 25 de marzo na Casa do Concello as chaves da Estación e facerse cargo das instalacións. Fernández Davila sinala que darase orde para que a partires do 1 de abril cesen todos os servizos contratados polo Concello na estación como a electricidade, limpeza ou seguro de responsabilidade civil.