O Concello e Vicepresidencia da Xunta de Galicia asinan un convenio para reparar os danos polos temporais do pasado inverno

O acordo só asume os gastos nos bens de titularidade municipal afectados nas riadas dos pasados meses de xaneiro e febreiro na ribeira do Tea

“Chegar a este acordo é unha boa nova, mais entendemos que tanto a Xunta de Galicia como o Ministerio de Fomento, administracións con competencias en infraestruturas, e, en concreto, neste tipo de actuacións ante catástrofes deben habilitar mecanismos para auxiliar a particulares, xa que as riadas non só afectaron a bens municipais”, indica o alcalde de Ponteareas, Xosé Represas.

FotoRuedaRepresasIII

Nos meses de xaneiro e febreiro de 2016 producíronse cuantiosos danos en numerosas infraestruturas de diversa índole en Ponteareas, por mor dos fenómenos meteorolóxicos adversos deses meses, danos como desprendementos de terras, de muros, danos en estradas municipais, en instalacións deportivos, ou no paseo fluvial, entre outras. Dende o Concello de Ponteareas, foi remitida á Xunta de Galicia un informe xustificativo onde se cuantifica que o importe dos danos ocasionados por mor dos dous temporais sufridos ascendía a 411.753,90 €.

O convenio asinado garante a rehabilitación dos danos de bens de titularidade municipal por unha cantidade total de 137.484,63 euros, na que se inclúe a reparación dos desprendementos de terras de noirós e terrapléns, dos muros de contención de pedra, dun campo de fútbol e da senda do Tea nun tramo de 3 quilómetros.