O Concello e FANPO organizan a Macrofesta da Infancia e a Xuventude o próximo xoves 16 de xuño

A celebración ten por obxectivo pór o broche de fin de curso 2015/16 con xogos populares, música e animación

P1020698_resultO grande festexo para celebrar o remate do curso académico en infantil, primaria e secundaria comezará sobre as 17.00 e rematará sobre as 20.00 horas. A Concellería de Ensino organiza de balde, co obxectivo de recuperar os xogos populares, a I Edición de Pontexogos na Praza Maior e na Praza Bugallal, onde xogarán as nenas e nenos de infantil e primaria coa súa familia, e no Parque da Feira Vella, onde o fará o alumnado de secundaria.

“É importante que non se perda o uso dos xogos populares e tradicionais, amáis de recuperar a rúa para o xogo das nenas, nenos e xuventude, hoxe en día, moi enfocados no mundo dixital”, salienta a concelleira Cristina Fernández. “Animo a toda a veciñanza a participar, mesmo aos adultos, porque os xogos tradicionais son patrimonio común de todas as xeracións”, engade. Desde a Concellería agradece o traballo e entusiasmo do profesorado e alumnado de secundaria, por colaborar coa iniciativa proposta dende o Consello Escolar Municipal.

No parque da Feira Vella haberá lugar para os xogos da petanca, a chave, o marco, os trompos, os quilles ou birlos finlandeses, o pincho, as argolas, o lanzamento cepo. Na Praza Bugallal realizaranse os xogos dos aros guía, o arrastramortos, o limón, a corda, a goma e o zorregazo. Na Praza Maior os nenos e nenas poderán divertirse coa chave ferrolá, a xoga, os sacos, os tres pés, as chapas, a mariola, os zancóns, as leiriñas, o zambombazo e recoller as piñas.

Festa no Colexio Nosa Señora dos Remedios

Mentres tanto, no CEIP  Nosa Señora dos Remedios, a Federación de ANPAS de Centros de Ensino Público das Comarcas Condado-Paradanta e Louriña organiza unha festa para alumnado de Infantil e Primaria, con entrada de 2 euros para socios e 3 euros para os non socios, con hinchables, exhibición de bailes modernos, talleres, música e animación, rematando coa festa da escuma. Seguindo a liña do éxito acadado en numerosas edicións.

Isabel Amoedo, presidenta da FANPO, salienta “a boa acollida do Concello para organizar en común esta Macrofesta, así como o apoio a outras actividades e eventos celebrados ao longo deste curso escolar pola FANPO. Dado a boa sintonía existente, estamos dacordo en seguir colaborando en todas as ideas e proxectos que se desenvolvan no futuro”.