O Concello destinará 350.000 euros a fomento do emprego en 2016

Xosé Represas pretende incrementar aínda máis o gasto en emprego nos anos seguintes

O alcalde de Ponteareas Xosé Represas adiantou que os orzamentos de 2016 destinarán uns 350.000 euros a medidas de fomento do emprego e inserción laboral

visita-obradoiro-2

O alcalde e outros membros do goberno local nunha visita ao obradoiro de emprego que se desenvolve no CDL

As medidas contempladas son, por unha banda, a liña de subvencións dirixida a apoiar a contratación de parados ponteareáns por empresas da localidade ou a alta como autónomos de emprendedores. Dita subvención, que foi convocada por vez primeira no mes de outubro pasado, finánciase coa partida reservada até agora para o salario do alcalde, ao que Represas renunciou. O vindeiro ano a partida incrementarase en case o dobre, superando os 50.000 euros, pois neste exercicio a metade fora consumida polo salario do anterior alcalde Salvador González Solla.

Ademais, o goberno destinará uns 225.000 euros para un Plan de Emprego a través do cal o concello contratará uns 30 parados de longa duración, con cargas familiares e sen ingresos. Os traballadores prestarán servizos para o concello na mellora de infraestruturas públicas e na atención de servizos esenciais.

Xunto ao anterior, o goberno está ultimando un obradoiro de emprego con diferentes módulos, dirixido á formación de persoas desempregadas, un mínimo de 20, que serán contratadas por un mínimo de seis meses. O goberno prevé unha partida nos orzamentos de aproximadamente 60.000 euros para confinanciar coa Xunta o obradoiro.

O alcalde Xosé Represas salientou que “este goberno ten como prioridade absoluta a creación de emprego en Ponteareas. Sabemos que o que prevemos para o vindeiro ano é insuficiente, pero significa un gran avanzo e un grande esforzo tendo en conta a situación económica na que o PP deixou o concello”. Represas indicou que “a pesar de todo, podo asegurar que nos anos seguintes as cantidades destinadas a emprego iranse aumentando de maneira moi considerable”.

O alcalde lembrou que segue aberto até o luns 21 de decembro o prazo para presentar solicitudes de subvención para a contratación de traballadores ou a alta de autónomos. Represas salientou que “xa se presentaron bastantes solicitudes, o que pon de manifesto o interese dos creadores de emprego polas axudas que convocamos e a utilidade destas para incentivar a contratación de desempregados”.