
As subvencións están destinadas a apoiar ás entidades que desenvolven programas de promoción do benestar social. O prazo de solicitude remata o 15 de maio
O Concello de Ponteareas pon en marcha unha nova edición da liña de subvencións dirixidas a aquelas entidades sociais que están a desenvolver e desenvolverán actividades na vila ao longo deste ano 2023. Estas axudas convócanse co obxectivo de “fomentar e apoiar ás entidades sen ánimo de lucro que levan a cabo programas que promoven o benestar social da veciñanza”, como sinala a concelleira de Benestar Social, Verónica Carrera.
O Concello investirá un total de 10.000 euros nestas subvencións, que serán dunha contía máxima de 3.000 euros por entidade. Estas axudas permitirán realizar accións de prevención, asistencia, incorporación social, fomento e sensibilización da participación cidadá ou de igualdade de oportunidades entre homes e mulleres, entre outras. Todas as subvencións irán destinadas a actividades realizadas ao longo do ano 2023, contando a partir do 1 de xaneiro.
Trátase dunha liña de axudas de concorrencia libre á que as entidades poderán optar presentando a súa solicitude ata o vindeiro 15 de maio, 20 días naturais dende o día seguinte á publicación das bases no Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra. As bases, xunto cos formularios en formato editábel xa están a disposición de todas as entidades e asociacións tanto na sede electrónica como na web do Concello.