O Concello de Ponteareas denuncia que durante varias semanas se están producindo sabotaxes nos cadros eléctricos do sistema de iluminación pública en diferentes parroquias do municipio, e tamén no casco urbano, detectándose manipulacións nos cadros eléctricos, rotura de portas, roubo de fusibles e material do cadros, así como a desconexión dos mesmos.
Estes actos vandálicos estanse a producir durante a fin de semana, amparándose na noite, en varias parroquias como Xinzo ou Areas, entre outras, como tamén no casco urbano, na estrada N-120, ocasionando que estas parroquias queden sen luz durante varios días, ocasionando graves prexuízos aos veciños afectados.
A estas actitudes vandálicas, segundo o Goberno local, non se lle encontra ningún tipo de explicación e ou ben teñen como finalidade deixar os veciños sen luz durante a fin de semana, ou ben outros motivos que non se entenden, pero o único que realmente se consegue é danar as infraestrutauras municipais -que son de todos e que benefician a todos-, provocando un grave prexuízo tanto económico de reparación como de tempo dos operarios municipais. Esta situación supón molestias e graves prexuízos para os veciños pola falta de luz, ademais da sensación que se crea de inseguridade e de perigo que implica a falta de iluminación pública.
Estes feitos xa foron denunciados en datas pasadas polo Concello de Ponteareas ante a Garda Civil e postos en coñecemento da Policía Local e solicítase desde o Concello a colaboración cidadá en aras de identificar o autor ou autores destas sabotaxes para pór fin a estes actos vandálicos que pretenden unicamente facer dano.