O concello de Ponteareas toma medidas fronte a varias empresas por incumprir a lei

O alcalde advirte que “existe unha administración e un goberno e non imos consentir que algúns pensen que Ponteareas é a cidade sen lei”

2015.11.13. Empresa telefonía ocupando via pública sen permisoA Policía Local de Ponteareas, seguindo indicacións do alcalde, obrigou a operarios dunha compañía de telecomunicacións a retirarse da vía pública no día de onte e de hoxe. A empresa, que instala fibra óptica desde hai varias semanas na vila, ocupaba a vía pública sen contar coa autorización correspondente, sen sinalizar a ocupación da vía e sen regular o tráfico, causando importantes problemas de tráfico. O alcalde Xosé Represas advertiu que “non imos tolerar que algúns se crean que Ponteareas é a cidade sen lei e que a rúa é súa. Aquí existe un goberno e unha administración que vela pola legalidade, os dereitos e as obrigas dos cidadáns. Resulta non só ilegal senón unha tomadura de pelo que se ocupe a vía pública sen permiso e sen adoptar medidas de seguridade e regulación do tránsito, e non o imos consentir”, sentenciou Represas.

O alcalde requiriu xa á compañía para que se absteña de ocupar as rúas, baixo apercibimento de que serán denunciados, e recordou á empresa que debe solicitar permiso indicando días e horas nos que precisan ocupar as vías, sinalización que se instalará e regulación do tráfico que debe correr a cargo da empresa.

Nun sentido parecido Represas informou que o espectáculo circense que se instalou nun solar situado na N-120 carece de autorización municipal, a pesares de que se lle requiriu á empresa toda a documentación esixíbel. “Mentres non acrediten ter todo en regra e contar con todos os permisos o espectáculo non se celebrará”, advertiu o alcalde.

Represas, ademais, amosouse moi molesto pola utilización na cartelería do circo do escudo do concello indicando que este colabora co espectáculo. “É falso e xa abrimos un expediente para sancionar á empresa polo uso indebido e comercial da imaxe oficial do Concello”, sinalou o Alcalde. Segundo o concello, os responsables do circo alegan que fixeron constar a colaboración do concello por un acordo verbal co anterior concelleiro de cultura e o ex alcalde González Solla, suposto acordo do que o goberno actual non ten ningún coñecemento e que carecería de calquera valor.

O alcalde engadiu que “o circo conta coa autorización da Xunta para a utilización de animais e o concello tan só pode prohibir circos con animais en terreos públicos pero non en terreos privados”. Represas sinalou que todos os grupos xa amosaron o seu apoio a unha proposta de A Riada do Tea que se tratará no vindeiro Pleno para acordar a prohibición de circos con animais en terreos municipais. O alcalde amósase favorable a que a Xunta de Galicia, ao igual que outras comunidades, aprobe unha lexislación que prohiba o uso de animais nos circos en calquera clase de propiedade. Así mesmo amosou o seu apoio aos colectivos e grupos que se opoñen ao uso de animais en circos e que pretenden manifestarse esta fin de semana en Ponteareas.