O Concello de Ponteareas restablece a atención presencial a partir do luns con cita previa telefónica

As oficinas do Rexistro Xeral e Recadación serán as únicas que atenderán directamente sen cita previa

O goberno dotou a todos os servizos de medidas de seguridade e distanciamento social

O Alcalde de Ponteareas, Xosé Represas, anunciou o restablecemento da atención presencial nos servizos municipais a partir deste luns. Para chegar a este punto foi necesario durante as últimas semanas adaptar os postos de traballo e os lugares de atención ás novas esixencias sanitarias: instaláronse mamparas e dispensadores de desinfectante, cartelaría ou cintas de separación, creáronse conserxerías nos accesos a edificios públicos, establecéronse os protocolos para o persoal municipal, entregándoselle material individual de protección, reconfiguráronse as oficinas para garantir a distancia entre os traballadores e traballadoras, creáronse salas de espera seguras e organizouse un operativo de limpeza e desinfección continua nos espazos de presenza e uso cidadá: pasamáns de escaleiras, portas ou cadeiras.

O traballo de readaptación á nova situación foi dirixido e coordinado polo Alcalde Xosé Represas e levado a cabo polos tenentes de alcalde Cristina Fernández -concelleira de Saúde-, Chus Garrote -concelleira de Vías e Obras – e Roberto Mera -concelleiro de Bo Goberno- así como polo edil de Recursos Humanos Benito Márquez. Ademais, participaron o resto de membros do goberno no ámbito das súas propias áreas de responsabilidade. O alcalde salientou que o traballo realizado “foi un reto sen precedentes ao que nos enfrentamos con rigor e eficacia”.

Represas explicou que a atención presencial directa, sen cita previa, limítase polo momento ao Rexistro Xeral e a Oficina de Recadación, ambas as dúas na Casa do Concello. A maioría do resto dos servizos estarán tamén operativos e atenderán á cidadanía pero SÓ CON CITA PREVIA TELEFÓNICA. Por iso o alcalde pide encarecidamente á veciñanza que non acuda ao Concello sen antes contactar telefonicamente para realizar as consultas ou concertar a cita. Por seguridade para a cidadanía e para o persoal municipal só se permitirá o acceso aos edificios públicos a quen acuda con cita previa telefónica ou ao Rexistro Xeral e a Oficina de Recadación, onde non é necesaria esa cita. Ademais, ao acceder aos edificios públicos SERÁ OBRIGATORIA A DESINFECCIÓN DE MANS E O USO DE MÁSCARA.

Represas adiantou que “nos vindeiros días continuaremos co proceso de desescalada que conlevará grandes melloras na atención cidadán coa posta en marcha da Oficina de Atención Cidadán, a implementación de sistemas tecnolóxicos de xestión das quendas e das citas previas e a posta en marcha da nova páxina web municipal.