O Concello de Ponteareas recorre o arquivo da causa contra Solla e o crego de Guillade polas obras no Adro da igrexa

“A actuación realizada no entorno da Igrexa de Guillade é un atentado contra o patrimonio”, denuncian dende o Goberno local

O Concello de Ponteareas, presentado como acusación particular, adheriuse ao recurso interposto pola acusación popular, exercida por Roberto Mera, contra o auto polo que se arquivou provisionalmente a causa aberta contra González Solla e o crego de Guillade pola destrución do conxunto funerario da Igrexa de Guillade.

No seu recurso, o Concello considera que non hai prescrición dos delitos imputados e que tanto o ex alcalde, como o crego e o ex director xeral de Patrimonio actuaron en conivencia, primeiro, para non cumprir a orde de recuperación do adro e, despois, para autorizar ilegalmente as obras de demolición executadas anos antes.

O Concello cre que se debe investigar a conduta do Director Xeral de Patrimonio por autorizar e legalizar a destrución do conxunto funerario cos informes técnicos en contra. Así mesmo, coida que o comportamento de Solla, deixando pasar os anos para que a orde de reposición prescribise, é constitutiva dun delito de prevaricación por omisión, tendo en conta ademais que o daquela alcalde  era tamén quen tiña asumidas as competencias en materia de urbanismo.

O Concello lembra no seu recurso que tras tres anos e medio sen facer cumprir a orde de recuperación do adro, Solla só reaccionou cando Roberto Mera esixiu o cumprimento da orde en 2012 e que, para evitar calquera consecuencia, deseguido o crego solicitou a legalización da obra despois de anos coa orde de reposición e o Director Xeral autorizou a legalización, saltándose os informes desfavorables.

O Goberno local mantén que “a actuación realizada no entorno da Igrexa de Guillade é un atentado contra o patrimonio” e anuncia que, ademais de continuar actuando na vía xudicial, iniciará diferentes actuacións perante a Igrexa e a Dirección Xeral de Patrimonio para que se repoña o conxunto funerario ao seu estado orixinal.