O Concello de Ponteareas, en colaboración coa empresa concesionaria do servizo de limpeza FCC, iniciou no mes de xullo unha campaña cuxo obxectivo é a concienciación ambiental dos ponteareáns para “lograr que Ponteareas sexa un exemplo na reciclaxe e na xestión de residuos”, segundo afirma o rexedor ponteareán, Xosé Represas.
Para conseguir estes obxectivos puxéronse en marcha diferentes actividades de información e de concienciación a través dun stand situado na praza de Bugallal durante 15 días para informar máis a fondo sobre a clasificación dos residuos, a compostaxe, ou a composición actual do lixo que vai no colector convencional e que non se deposita correctamente nos de recollida selectiva.
Ademais, os usuarios tamén achegaron o seu lixo clasificado ata os colectores dispostos alí, para participar nun sorteo, cun total de 221 participantes, os cales foron agasallados o pasado venres, 24 deles, mediante un sorteo realizado as 12:00 horas na propia praza, entregándolles un total de 12 cubos de reciclaxe e 12 composteiros.Tamén foron entregados de xeito directo, e gratuíto, 450 ecocubos coa fin de facilitar a clasificación do lixo nos domicilios.
Entre as actividades desta campaña, leváronse a cabo tamén outras iniciativas como foron a visita a 333 establecementos comerciais e 87 establecementos hostaleiros, onde se entregaron comunicacións da Alcaldía sobre o labor importante que desenvolve o sector neste aspecto, lembrándolles os servizos que o concello ten ao seu dispor e agradecéndolles a súa colaboración.
Xunto ao material informativo entregado ao sector comercial e hostaleiro, distribuíuse nas vivendas de Ponteareas, tanto do casco urbano como das parroquias, un tríptico en materia de materia de concienciación na recollida selectiva, información sobre composición do lixo que actualmente se depósita no colector verde convencional, sobre os posibles usos da materia orgánica mediante compostaxe e información sobre o Punto Limpo Municipal.
Represas márcase como obxectivo conseguir duplicar a cifra de reciclaxe, chegando ao 40% en catro anos posto que ata o de agora en Ponteareas tan só se recicla o 23 % dos residuos lixeiros, papel, cartón e vidro. Esta campaña informativa e de concienciación é o punto de arranque de novas iniciativas e medidas. Grazas a colaboración de todos, continúa o rexedor ponteareán, Ponteareas será un exemplo en materia ambiental de reciclaxe de residuos.