O Concello de Ponteareas proxecta humanizar no futuro seis rúas da contorna da Praza de Bugallal

Conectarán a Praza de Bugallal co Concello e os Xardíns da Xiralda, e xunto á Praza Maior, Oriente e Esperanza suporán un espazo humanizado de 20.000 m2

O Goberno Municipal ven de dar un novo paso no seu obxectivo de humanizar o centro urbano e cambiar por completo o modelo de mobilidade e uso do espazo público en Ponteareas. No marco da Rede Ágora, promovida pola Deputación de Pontevedra, e da súa liña de subvencións convocada recentemente para a redacción de proxectos de humanización, o Concello de Ponteareas aposta por elaborar un proxecto de reforma e mellora urbana das rúas do entorno da Praza de Bugallal. “Prometiamos converter Ponteareas nunha vila sostíbel, saudábel e amábel, ao servizo das persoas. Polo tanto, ese é o noso compromiso e a nosa obriga coa veciñanza que nos deu a responsabilidade de gobernar, e así o faremos”, salientou a alcaldesa en funcións, Cristina Fernández Davila.

O Concello quere optar a unha subvención máxima de 50.000 euros para redactar os proxectos dirixidos a humanizar as rúas Constitución, Concha Brey, Senén Canido e un tramo de Reveriano Soutullo, Vidales Tomé e Morales Hidalgo. “Trátase dun dos proxectos máis ambiciosos para Ponteareas das últimas décadas”, salientou Davila. O Concello aposta pola plataforma única en todas estas actuacións, con uso peonil e ciclista e con tráfico a motor limitado ao tráfico de necesidade, isto é, carga e descarga de vultos, transporte de mercadorías, residentes, garaxes e servizos esenciais. Trátase dun proxecto que transformará por completo Ponteareas e que pretende conectar o próximo espazo peonil da Praza de Bugallal coa Casa do Concello, os Xardíns da Xiralda e a rúa Rogelio Groba, conformando xunto coa Praza Maior e as rúas de Oriente e Esperanza un espazo humanizado de máis de 20.000 m2 no centro neurálxico de Ponteareas.

Os obxectivos do proxecto son recuperar o espazo para as persoas, para a súa mobilidade e para a estancia social nunha superficie actualmente monopolizada polo vehículo a motor, que ocupa o 73% da superficie total dos 5.827 m2 que representan as seis rúas. O goberno local lembra que, segundo os datos do Plan de Mobilidade Urbana Sostíbel (PMUS), o tránsito de persoas no itinerario de rúa Constitución a Praza de Bugallal e Vidales Tomé acada picos de case 1.000 persoas nunha hora, que se desprazan por beirarrúas estreitas, mentres que o tráfico que viña entrando na Praza de Bugallal por tres rúas diferentes acadaba picos de case 700 coches nunha hora.

Precisamente, outro dos obxectivos do proxecto é potenciar a mobilidade a pé e en bicicleta nunha zona con numerosos equipamentos administrativos e comerciais e eliminar o tráfico de paso polo centro urbano, reducindo así o ruído e a contaminación por CO2 e mellorando a seguridade viaria. Ademais, as actuacións son coincidentes coas previsións contempladas no PMUS de creación do eixo verde, que debe conectar o regato da Venda co río Tea atravesando o centro da vila, e dos camiños escolares seguros.  A alcaldesa en funcións explicou que “xunto con estas futuras actuacións, o Concello está creando zonas de estacionamento situadas a moi poucos minutos destas rúas, un deles o de Sarmiento Rivera, practicamente rematado, que se abrirá en breve e que acollerá varios centos de vehículos a 3 minutos da Casa do Concello e que se suma á ampliación do de Granitos de Galicia, con case 140 prazas e a 3 minutos da Praza de Bugallal”.

Cristina Fdez. Davila lembrou que “as humanizacións son unha demanda social en Ponteareas. Das case 500 persoas enquisadas no PMUS, o 96,9% manifestaron que Ponteareas precisa de máis rúas peonís ou semipeonís, citando entre outras as que son obxecto deste proxecto”. Estas actuacións que se proxectan están ademais previstas no Plan de Mobilidade e inclúense nos Obxectivos de Desenvolvemento Sostíbel da ONU cos que o Concello de Ponteareas está comprometido.

O goberno municipal iniciará proximamente unha campaña de información e participación entre a veciñanza para dar a coñecer a iniciativa e recibir suxestións.