O Concello de Ponteareas presenta ‘Airiños do meu lugar e outros textos’, unha reedición do libro de Emilia Estévez Villaverde

O Concello de Ponteareas presenta ‘Airiños do meu lugar e outros textos’, unha reedición do libro de Emilia Estévez Villaverde

A obra forma parte da colección ‘Creadores Ponteareáns’

O Concello de Ponteareas continúa poñendo en valor o traballo creativo das e dos seus veciños a través da colección ‘Creadores Ponteareáns’ coa presentación dun novo volume desta serie: ‘Airiños do meu lugar e outros textos’, de Emilia Estévez Villaverde, unha escritora pioneira en Ponteareas.

O Concello de Ponteareas presenta ‘Airiños do meu lugar e outros textos’, unha reedición do libro de Emilia Estévez VillaverdeNada nunha familia conservadora, castelán falante e belixerante contra a nosa lingua, Estévez Villaverde decidiu facer da súa paixón polas letras a súa profesión converténdose en poetisa, contra a vontade do seu proxenitor, e empregando o galego nas súas creacións. Unha decisión que lle custou moitas discusións e ata algunha labazada que outra por parte de seu pai. De feito, non foi ata a súa morte cando Emilia comezou a publicar os seus textos. Corría o ano 1963, en plena ditadura franquista, polo que a súa aposta polo galego era tan salientábel como arriscada. Outro aspecto no que se pode considerar a Emilia Estévez Villaverde unha persoa adiantada no seu tempo é no xeito de publicar á marxe de calquera editorial: ela mesma encargábase de buscar a imprenta na que autoeditar os seus propios libros.

A obra de Emilia Estévez Villaverde vai dende a poesía ata a narrativa infantil ou o ensaio. Mais a súa primeira publicación foi ‘Airiños do meu lugar’, o poemario dedicado a Ponteareas que agora reedita o Concello de Ponteareas, e que na súa segunda edición contou con Otero Pedrayo como prologuista, un dos referentes culturais da época que soubo recoñecer o talento desta autora ponteareá.

A presentación desta nova obra correu a cargo do que fora director do Arquivo da Biblioteca Municipal de Ponteareas durante moitos anos, o profesor Rafael Sánchez Bargiela, responsable do prólogo e do estudo que introduce ‘Airiños do meu lugar e outros textos’. O acto culminou cun recital de poemas da autora a cargo de varias persoas referentes no mundo da escritura.

O concelleiro de Cultura, Fernando Groba, asegurou que “a edición desta obra, que foi posíbel grazas á unha subvención da Deputación de Pontevedra, supón un paso máis cara a valorización e o recoñecemento do nome e a obra de Emilia Estévez Villaverde, unha ponteareá de recoñecido prestixio que foi caendo no esquecemento e que dende o Concello de Ponteareas queremos recuperar e reivindicar”.