O Concello de Ponteareas porá en marcha accións formativas para desempregados

Os programas estarán centrados nas áreas de fontanería, tapicería de mobles, atención socio sanitaria e emprego doméstico

Todos os interesados teñen ata o venres 10 de xullo, inclusive, para inscribirse na Oficina de Emprego de Ponteareas

A Oficina de Emprego tamén recibirá ofertas para a contratación de monitores que impartan estes cursos

casa consistorialO Concello de Ponteareas aproveitará unha subvención concedida pola Consellería de Traballo e Benestar para poñer en marcha unha serie de accións formativas prioritariamente dirixidas ás persoas desempregadas do municipio e que pretenden dotar aos seleccionados de habilidades teóricas e prácticas en eidos profesionais que contan con saída laboral.

Os cursos, que serán impartidos de maneira gratuíta, están centrados nos eidos da fontanería (808 horas), tapicería de mobles (528 horas), atención socio sanitaria a persoas en institucións sociais (478 horas) e emprego doméstico (218 horas). O primeiro deles dará comezo a finais deste mes de xullo, mentres que os outros tres se iniciarán ao longo do vindeiro mes de agosto.

Todas as persoas interesadas en participar nestas accións formativas teñen ata o vindeiro venres 10 de xullo, inclusive, para se inscribir na Oficina de Emprego de Ponteareas. Trátase da primeira vez na que o goberno municipal garante un prazo previo para poder realizar a comunicación pertinente sobre unha oferta antes de que dita oferta se presente na oficina de emprego, permitindo así que os veciños e as veciñas interesados teñan tempo suficiente para inscribirse no proceso de selección. Cada un destes cursos terá un número máximo de 15 alumnos.

O concello, asemade, contratará un mínimo de cinco monitores que se encargarán de impartir estas accións formativas. Todos aqueles interesados deberán dirixirse á súa respectiva oficina de emprego para poder participar na sondaxe, asegurándose de figurar dados de alta como “formadores de formación ocupacional”, o cal ten o seguinte código de ocupación (CNO): 23.291.029.