O Concello de Ponteareas organiza unha andaina solidaria para o domingo 30 de outubro

O Goberno local ten como obxectivo por en marcha un calendario de sendeirismo activo e dar a coñecer a riqueza medioambiental e cultural

A primeira andaina terá un percorrido de 13 quilómetros, no seu tramo curto, e outra de 25 quilómetros, no seu tramo longo.

O Concello de Ponteareas organiza para o domingo 30 de outubro unha andaina solidaria pola senda do Tea dende Ponteareas ata Padróns. De balde, pódese inscribir aquí, cada participante achegará alimentos e artigos de hixiene persoal para o Centro de Reparto de Alimentos municipal.

ANDAINA CURTA

A andaina, no seu tramo longo, de dificultade media, sairá da Praza Maior ás 9.00 horas, e no seu tramo curto, de dificultade baixa, sairá ás 10.00 horas. Ambas modalidades irán cara Freixa para tomar o sendeiro á ribeira do Tea até chegar o punto de avituallamento no Cristo do Piñón na parroquia de Padróns. Neste punto a andaina de tramo curto volverá cara o centro urbano de Ponteareas a través de Padróns e Ribadetea con chegada na Praza Maior.

A andaina de 25 km, entrementres,  continuará dende o final da senda do Tea no Cristo do Piñon pola ribeira do Borbén dende a desembocadura no Tea ata Ponte Maceira e logo por Fozara para volver a Padróns polo barrio de A Seca, dende alí pasará polo barrio de Castro e subida cara o campo de fútbol de Chan de Rozas para subir a media ladeira do Galleiro e baixar cara o barrio de Mouro, de alí a Cillarga pasando polo Viveiro, Barronca, Santa Cruz e pola Freixa de novo a senda do Tea e final na Praza Maior de Ponteareas.

ANDAINA LONGA (1)

Segundo apuntou o alcalde, Xosé Represas, con esta primeira andaina, que ten tamén unha finalidade solidaria, ten como obxectivo por en marcha un calendario de rutas de sendeirismo. “Iremos paso a paso, contando con todas as persoas dispostas a colaborar nesta iniciativa e o domingo 30 é tamén un xeito de xuntarse e falar desta iniciativa mentres facemos o camiño. Despois dese día crearase un grupo de traballo para as seguintes iniciativas.”, engadiu.

Coas andainas, o Goberno local tamén quere dar a coñecer e por un valor a riqueza natural e cultural de Ponteareas, salientou Xosé Represas, no anuncio desta actividade física pero tamén cultural e lúdica.

“Convido ás veciñas e veciños de Ponteareas a achegarse coa andaina ás paisaxes e patrimonio que temos e debemos conservar, así como unha actividade saudable. Ademais, coa súa participación farán un labor solidario axudando no traballo de recolleita do Centro de Reparto de Alimentos”, indicou o concelleiro de Deportes, Benito Márquez.

Antes do inicio explicarase os lugares polos que transcorre a camiñada destacando os lugares de interese paisaxístico, medioambiental e cultural, ruta que estará perfectamente sinalizada e na medida do posible a ruta transcorrerá polos camiños tradicionais .