O Concello de Ponteareas organiza no auditorio municipal unha charla sobre a problemática da vespa asiática o próximo mércores 22

Ás 20.00 horas estarán falando Xesús Asorey, voceiro da Asociación de Apicultores de Galicia (AGA),así coma Tomás Rivero e Pablo Alarcón, apicultores locais, sobre a entrada da especie invasora, dos seus riscos e perigos e como actuar ante a súa presenza.

CHARLA INFORMATIVAO executivo municipal é plenamente consciente dos prexuízos económicos que a vespa velutina ou asiática está a causar nos sectores apícola e froiteiro, do risco que supoñen para a seguridade cidadá e da redución que producen na biodiversidade dos ecosistemas da zona. A avespa asiática aliméntase das abellas melíferas autóctonas, minguando de xeito importante a produción de mel, estragando boa parte das plantas froiteiras e influíndo negativamente, asemade, no proceso natural de polinización das flores.

Por isto, a Concellería de Medio Ambiente, dependente do alcalde Xosé Represas, levará a cabo unha campaña de difusión de folletos informativos sobre a problemática da vespa asiática. Nesta información explícase que é este insecto, os seus efectos negativos na biodiversidade, as súas diferenzas coa vespa cabro, especie autóctona de Galicia, ou cómo facer trampas artesanais para capturalas.

Ademais, o Concello de Ponteareas lembra á veciñanza que, no caso de albiscar un niño da vespa asiática,  poden colaborar nas actuacións contra esta especie invasora, chamando ao 618705640 ou enviando un correo electrónico a medioambiente@ponteareas.gal , ou mesmo chamando ao 012, servizo de Atención e Información á Cidadanía da Xunta de Galicia, administración coa competencia para combater este tipo de pragas.