Aberto ata o 17 de xuño o prazo de preinscrición para o Campus Tea e o Verán Rural
O Concello de Ponteareas continúa coa súa aposta por ofrecer este verán unha alternativa de lecer lúdica e educativa para os nenos e nenas ao tempo que se facilita a conciliación familiar e laboral. Con este obxectivo, a concellaría de Ensino, dirixida pola alcaldesa Cristina Fernández Davila, abre ata o vindeiro 17 de xuño o prazo de preinscrición tanto para os campamentos do Campus Tea como para os de Verán Rural, que este ano ofrecerán máis de 400 prazas en diferentes espazos e con todas as medidas de prevención e seguridade.
Un ano máis, con estes campamentos o Concello trata de ofrecer unha oferta formativa que facilite a conciliación ás familias e que fomente a atención á infancia e xuventude, a xestión social do noso patrimonio e medio ambiente e a dinamización cultural. Os campamentos, subvencionados pola concellaría de Ensino, están dirixidos a cativos e cativas de educación infantil e primaria en horario de 09.00 a 14.00 horas, con posibilidade de solicitar aula matinal de 07.30 a 09.00 horas.
O Campus Tea desenvolverase nas instalacións do CEIP Nosa Sra. Dos Remedios de Ponteareas en catro quendas de 15 días que van dende o 1 de xullo ata o 31 de agosto. Pola súa banda, o Verán Rural terá lugar nas casas culturais das parroquias de Ponteareas: do 1 ao 15 de xullo no Centro Cultural de Xinzo, do 16 ao 31 de xullo no Centro Cultural de Guláns, do 1 ao 16 de agosto no Centro Cultural de Angoares e do 17 ao 31 de agosto no Centro Cultural Cristiñade.
Todos os campus están deseñados cunha programación que combina o xogo e as saídas didácticas con actividades creativas, culturais e de coñecemento da contorna a través pedagoxía do lecer baseada na educación en igualdade e en hábitos saudábeis.
As bases e o impreso de Preinscrición dos campamentos (Anexo I) poderán obterse de luns a venres en horario de 09.00 a 14.00 h na Oficina de Ensino, no andar baixo ou no Rexistro Xeral do Concello de Ponteareas ou ben directamente na Sede Electrónica do Concello de Ponteareas. Tamén poden consultarse na web municipal.
A listaxe provisional de admitidos e admitidas publicarase o vindeiro 21 de xuño nos taboleiros e na web do Concello.