O Concello de Ponteareas notifícalles aos hostaleiros a obriga de regularización das terrazas instaladas na vía pública.

hostaleiros-terrazas-1A Concellería de Comercio, Hostalería e Consumo do Concello de Ponteareas, que dirixe o edil Mario Lago Moriña, iniciará esta semana a notificación aos  establecementos de Ponteareas que teñen instaladas terrazas na vía pública sen a correspondente licenza municipal para que no prazo de 48 horas, desde a recepción da notificación, procedan á súa regularización, advertíndoselles que, no caso contrario, o Concello de Ponteareas procederá á incoación do expediente de retirada da terraza, así como ao de imposición da sanción correspondente, segundo se establece na normativa actual.

Segundo manifesta  Mario Lago “o obxectivo desta medida é aplicar co máximo rigor a vixente ordenanza do Concello de Ponteareas sobre instalación de mesas, cadeiras e terrazas na vía pública, tal e como se lles informou aos hostaleiros nunha xuntanza mantida o pasado mércores, día 29 de xullo, onde  se trataron outros temas, así como se lles ofreceu aos hostaleiros o máximo apoio do Concello de Ponteareas, axudándoos en todo o posible para que poidan regularizar as súas terrazas”. Ao mesmo tempo, o edil responsable da área de Hostalería amosou o seu compromiso de establecer un criterio diferenciador entre a época estival e o inverno, en canto ao prezo, que será establecido, previsiblemente, o vindeiro ano co obxectivo de beneficiar a todos os establecementos de Ponteareas.