O Concello de Ponteareas licita de novo a explotación da cafetaría do parque das Pombas

En decembro a licitación quedou deserta, polo que agora se amplía o prazo de concesión de 5 a 10 anos para facilitar a presentación de ofertas, que se deberán entregar até o 7 de xuño

O Concello de Ponteareas anunciou a licitación da explotación da cafetaría do Parque das Pombas. A instalación hostaleira está pechada desde finais do ano 2019 cando o anterior adxudicatario renunciou a continuar coa súa xestión. A finais de 2020 realizouse unha primeira licitación que resultou deserta. Agora o Concello licita de novo a concesión mellorando o prazo de duración que pasa de 5 a 10 anos, prorrogábel por 5 anos máis, para facilitar así a presentación de ofertas.

 

O anterior contrato e as súas condicións tiñan a súa orixe no ano 1998, cando o goberno do Partido Popular de José Castro adxudicara a xestión da cafetaría por un prazo de 30 anos e cun canon de 600 euros anuais, é dicir, 50 euros ao mes. Daquela, a oposición formada polas forzas políticas que actualmente gobernan na localidade, criticara o procedemento, a escasa contía do canon e a excesiva duración do contrato que obrigaba ao concello a manter esas condicións até o ano 2028.

 

No novo prego de condicións establécese como renda mínima mensual 250 euros, non aceptándose propostas inferiores a esta cifra. O concesionario deberá ademais realizar varias obras: adaptación dun dos aseos ás condicións de accesibilidade esixidas, instalar saída de fumes no caso de que pretenda introducir na oferta alimentos quentes e dotar de auga quente os aseos e cociña.

 

O criterio de adxudicación será a maior contía do canon mensual ofertado. No caso de empate, os criterios serán a maior porcentaxe de persoas traballadoras con diversidade funcional ou en situación de exclusión social, menor porcentaxe de contratos temporais de persoal e maior porcentaxe de mulleres empregadas.
Establécese a apertura de luns a sábado como mínimo de 13:00 a 21:00 horas e os domingos de 11:00 a 21:00 horas, podendo fixarse un día de luns a xoves como día de descanso.

 

As proposicións poden presentarse até o 7 de xuño no Rexistro Xeral do Concello e os pregos poden consultarse na plataforma de contratación do sector público (https://contrataciondelestado.es/wps/poc?uri=deeplink:detalle_licitacion&idEvl=3KoltOjmQ4eiEJrVRqloyA%3D%3D)

 

O concelleiro Roberto Mera salientou que “coa humanización da rúa Redondela, o parque das Pombas e a súa cafetaría reforzarán o seu atractivo ao mellorarse a súa comunicación peonil co centro urbano a través dun traxecto amábel e de calidade”.