O Concello de Ponteareas licita as obras de saneamento do barrio da Serra, da parroquia ponteareá de Arcos, por un orzamento de 140.643 euros.

concelloA Xunta de Goberno Local do Concello de Ponteareas, na súa sesión do día 23 de marzo de 2015, vén de aprobar a licitación das obras de saneamento  do barrio da Serra, en Arcos, cun orzamento de 140.643 euros. Estas obras contan coa financiación da Deputación Provincial de Pontevedra, dentro do Plan Provincial de Obras e Servizos da Deputación Provincial, ano 2015.

As obras obxecto desta licitación teñen como obxectivo dotar da infraestrutura de saneamento ao Barrio da Serra, na parroquia ponteareá de Arcos, dando servizo aos seus 138 habitantes, distribuídos en preto de 50 vivendas, tendo en conta que ata o momento os veciños dispoñían os seus residuos en fosas sépticas individuais.

Os traballos a executar será a construción da rede de colectores de PVC, cunha lonxitude aproximada de preto de 2.000 metros. Para tal fin, executaranse obras de apertura de gabias, colocación de tubaxes, construción de pozos de rexistro, recheo compactado e reposición de asfaltado nos viais así como os reforzos de formigón e entibados necesarios. Ademais, levarsse a cabo a construción dunha estación de bombeo de augas residuais e a súa respectiva acometida eléctrica. Realizarase tamén a construción dun paso subterráneo que atravese a estrada N-120 para conectar esta rede de colectores a un pozo existente que, á súa vez, desembocará na EDAR de Ponteareas.

O alcalde, Salvador González Solla, destaca a importancia desta obra e que vén sumarse ás obras de dotación de infraestruturas de saneamento que se levaron a cabo noutras parroquias como Bugarín, Xinzo, Arnoso, Areas, Padróns ou Prado, buscando completar o proxecto de saneamento das parroquias de Ponteareas. Así mesmo, está contemplado neste mesmo proxecto unha futura conexión desta fase de saneamento co barrio da Igrexa para, posteriormente, continuar co saneamento integral desta parroquia.