O Concello de Ponteareas lamenta o pasamento de Aurea Rodríguez Barros

O Concello de Ponteareas vén de amosar o seu pesar polo recente pasamento da ponteareá Aurea Rodríguez Barros -Aurita-, e trasladou as súas máis sentidas condolencias a familiares e amizades.

 

O concelleiro de Deportes ponteareán, Miguel Bouzó, e sinalou que “Aurita, criada no seu dunha familia de tradición ciclista como a familia Rodríguez Barros, foi unha das deportistas pioneiras no ciclismo da nosa comunidade, logrando na década dos 40 proclamarse campioa galega de ciclismo.”

 

“Para Ponteareas é unha honra e un orgullo contar na historia do noso deporte con persoas que, co seu esforzo, lograron superar barreiras e situar a nosa vila como un referente mundial no ámbito deportivo”, afirmou o edil de Deportes, que sinalou que “o seu legado debe servir como impulso para as mozas que inician a súa andaina no ciclismo local”.

 

Recentemente, con motivo do Día Internacional da Muller, o goberno local homenaxeou a Aurea Rodríguez Barros, entre outras ponteareás, co obxectivo de visibilizar os logros acadados en diferentes modalidades totalmente masculinizadas ao longo da historia, que en moitas ocasións quedan esquecidos ou ocultados.